Santiago de Compostela, 6 febreiro de 2013.- A voceira do grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda, Yolanda Díaz, acusou ao PP de querer acabar coa gratuidade da xustiza que recolle a Constitución co obxectivo de impedir que os traballadores e traballadoras podan acudir aos tribunais para defender os seus dereitos nun tempo de convulsión social como o que estamos a vivir.
“O PP con esta torticeira e aberrante lei de taxas xudiciais o que quere é cambiar o modelo de tutela xudicial efectiva por un de tutela xudicial en efectivo” denunciou Díaz quen sinalou que o que se pretende impoñer unha xustiza para ricos e outra para pobres.
A vicevoceira puxo de manifesto a unión dos diferentes colectivos relacionados coa xustiza que están a manter un berro unánime contra as medidas adoptadas polo Partido Popular que están a provocar un auténtico tsunami de criticas e protestas en todo o Estado.
“A perversa Lei de taxas trata de culpar á cidadanía da falla de medios materiais e persoais da xustiza” explicou Yolanda Díaz e “impide que moitos cidadáns podan acudir aos tribunais xa que non poden adiantar os cartos das taxas que se lles impoñen”.
Así, unha vez máis, o grupo parlamentar de AGE instou ao goberno galego a esixir a derogación desta lei que atenta contra a Constitución e os dereitos dos cidadáns.