O consello comarcal de Esquerda Unida desenvolveu unha camiñata informativa para explicar aos coruñeses e coruñesas as razóns polas que se debe secundar a folga xerar e mobilizarse. Durante o paseo que transcorreu dende a Praza de María Pita até os Cantóns, os membros do consello comarcal, encabezados polos voceiros municipais de Cambre e A Coruña, Luis Taibo e César Santiso, repartiron medio milleiro de dípticos entre os viandantes que amosaron grande interese pola información relacionada coa reforma laboral e a Folga Xeral.
Esquerda Unida chama a cidadanía a secundar a Folga Xeral do 29M na defensa dos dereitos dos traballadores e traballadoras, e anima aos coruñeses e coruñesas a participares na faixa de EU-V na manifestación convocada polos sindicatos maioritarios que sairá da Praza da Palloza ás 12:00 h.
O coordinador comarcal de EU, César Santiso, indicou que “esta folga xeral é o comezo dunha longa etapa de mobilizacións e reivindicacións para loitar polos nosos dereitos. Ou nos mobilizamos masivamente ou nos converterán en escravos como no século IX”.
Nesta loita sostida, EU avoga polo máximo grao de unidade por parte do sindicalismo de clase do noso país, e polas entidades políticas e sociais que acreditan noutra alternativa política ás actuais directrices neoliberais.
Esquerda Unida está certa de que unha vez máis, as mulleres e homes da Coruña van saír ás rúas para demandar na linguaxe veraz e formidábel das rúas un futuro distinto e mellor, futuro que pasa inescusablemente polo fortalecemento da sanidade e o ensino como servizos públicos gratuítos, universais e de calidade, xestionados de xeito público directo. Xa que logo, EU vai soster a animar as mobilizacións que están a desenvolver as traballadoras e traballadores públicos na nosa bisbarra.