19X Imos á rúa

É preciso que a cidadanía respalde de xeito masivo nas rúas a mobilización unitaria convocada polo sindicalismo de clase galego este xoves, día 19 de xullo.

Para levar o clamor social de rexeitamento que vai percorrer as rúas de Ferrol, EU vai presentar unha moción para que se debata nos concellos sobre os recortes, estes se reproben e se inste ao Goberno Central a convocar un referéndum cidadá que decida sobre que políticas aplicar para derrotar o paro e a crise. Xunto a estas mocións, EU desenvolverá outras iniciativas sociais que se van concretar nestes días para alentar nas rúas e centros de traballo o rexeitamento a un goberno mentireiro e antidemocrático.

A diagnose que se pode facer respeito das mentiras electorais e da secuencia de ataques e recortes que leva adiante o PP permite caracterizar como a dun executivo que está en guerra coa cidadanía por cuxos intereses xerais debería velar.  Un goberno que teima de xeito culpable nas políticas neoliberais que lonxe de arranxar algo agravan as doenzas que sofre un corpo social traballador que leva no seu lombo a carga dos beneficios que enchen os petos das grandes empresas privadas.

O Consello comarcal de EU está a traballar para facer un pequeño contributo que erga unha loita global, solidaria e coordinada, de todos os conflitos sociais, que sostida no tempo e de xeito unitario derrote a un goberno ilexítimo que pecha vidas e esperanzas para que algúns poidan seguer a gañar millóns de euros. Goberno ilexítimo porque enganou a cidadanía sobre medidas que negou na campaña electoral que fora a aplicar. Se quere aplicalas terá que convocar un referéndum, pois do contrario estamos ante un fraude e unha acción pública ilexítima, non democrática.

Nunha cidade afogada pola inacción culpable do PP co sector naval e as políticas de reindustrialización e diversificación industrial, a nosa cidadanía ten que ser firme e consciente do valor de sermos rebeldes e protestar para defender os nosos dereitos a ter traballo e un futuro na nosa terra. O PP ataca a todos e todos temos que defendernos dos obedientes gobernantes

Esquerda Unida denuncia que se dan máis e máis cartos, 2 puntos das cotizacións sociais ao empresariado en troques de nada, porque nin se crea emprego nin este é estable; non se recorta a igrexa nin as retribucións e conexións escandalosas  da xente do poder, dende o xenro do xefe do Estado ate os ex políticos colocados nas grandes empresas privatizadas. Nesa maridaxe obscena que liga políticas de dereitas e poder económico nada padece. Os paus e as agresións, os recortes e as perdas de dereitos son para nós, o pobo. Será nas rúas onde imos loitar pola xustiza e o benestar da nosa cidadanía.

Relacionados