Total oposición ao TTIP

 

O Grupo de la Izquierda Unitaria Europea (GUE/NGL), da que forma parte Esquerda Unida, xa anunciara o voto en contra deste Tratado, sobre o que ten levado a cabo diferentes chamamentos e manifestacións co fin de deter a súa saída. Agora, os socialistas do Europarlamento aseguran que non apoiarán o informe no pleno da cámara en Estrasburgo se este non inclúe o rexeitamento explícito ao mecanismo de blindaxe das multinacionais ou ISDS, un dos puntos máis polémicos. Pero para Esquerda Unida non é suficiente.

A coordinadora nacional de EU, Yolanda Díaz tamén manifestaba que “este tratado de libre comercio, representa unha arma que supón unha chantaxe por parte da oligarquía de ambos os lados do Atlántico á soberanía dos pobos”.

Con todo, a polémica ao redor deste tipo de tratados de libre comercio comeza a virar ata o Acordo sobre o Comercio de Servizos (TiSA), que comezou a negociarse en 2012 e saltou á luz pública o ano pasado, cando unha filtración de Wikileaks deu a coñecer un dos puntos centrais das negociacións que impedía publicar o contido dos acordos que se alcanzasen ata cinco anos despois de que entraran en vigor.

Respecto a isto, dende Esquerda Unida consideramos que a Comisión Europea está a ocultar ao Parlamento Europeo o contido real das negociacións do Acordo sobre o Comercio de Servizos (TiSA), despois de que WikiLeaks e unha serie de medios de comunicación internacionais difundisen o pasado mércores 17 documentos que poñen de manifesto como este Tratado, que negocian 23 estados de todo o mundo supón un verdadeiro perigo para todos os aspectos da democracia.

A importancia das filtracións demostra unha vez máis a hipocrisía da Comisión, cando afirmaba que todos os documentos da negociación estaban dispoñibles para o Parlamento Europeo, quen negaba rotundamente que este acordo comercial estivera  centrado na privatización e desregulación dos servizos públicos, na desregulación financeira ou dos transportes e, sobre todo, que as negociacións sexan secretas.

De saír adiante o TTIP, suporía a liquidación do benestar, xa que o tratado persegue desregular por completo os dereitos sociais, laborais, económicos e ambientais; deixando á sociedade sen ferramentas efectivas para opoñerse aos intereses das grandes empresas, provocando que sexan as grandes empresas as que condicionen ás políticas económicas dos Estados, e non ao revés.

 

Para Esquerda Unida o obxectivo número un da esquerda europea debe ser impedir o acordo comercial TTIP que negocian EE.UU. e a UE, pois non podemos permitir esta agresión á clase traballadora e ao futuro das nosas sociedades.

Relacionados