Touradas subvencionadas

A propia empresa que organizou as touradas evidencia que o goberno municipal enganou á cidadanía como vén denunciando Esquerda Unida dende hai tempo, afirmando que o PP está a utilizar o subterfuxio da feira ecuestre para subvencionar encubertamente a feira taurina en contra do que ten manifestado publicamente en multitude de ocasións indicando que as touradas só se realizarían se foran autofinanciadas. Así o IMCE instalou e engalanou a praza e o patio de cabalos, o calexo, o recheo de area, os burladeiros, etc. con cartos dos coruñeses e coruñesas. Por moito que o PP afirme falazmente que non subvencionou ás touradas, o seu argumento cae baixo o seu propio peso ao comprobar que a feira taurina se celebrou antes que a equina.

Diante deste agasallo, a empresa organizadora deste triste evento quixo recoñecer o esforzo do Concello da Coruña non só incluíndo no cartaz os logotipos de Concello e IMCE senón que mencionase expresamente a colaboración do Concello coruñés.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes preguntará ao goberno local no Pleno por que aparece o logotipo do Concello da Coruña nos cartaces publicitarios da feira taurina no 2012. Para que, diante da opacidade do PP, a cidadanía coñeza os aspectos reais da participación do Concello da Coruña e do IMCE, así como  os cartos adicados por parte das institucións locais para que esta actividade de morte poida ter lugar. Textualmente a pregunta dí así:

Por que o Concello da Coruña e o IMCE aparecen como ‘patrocinadores’ da feira taurina de 2012 se o equipo de goberno manifestou que non subsidiaría festexos taurinos?”

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o goberno do PP dixo unha e outra vez que non subvencionaría as touradas, mais a concesionaria recoñece a axuda do concello nos propios cartaces, quen está a faltar a realidade?”

 

Relacionados