Esquerda Unida considera que a Xunta está a atacar os dereitos dos traballadores públicos sanitarios, así como os dos doentes. A manobra dos gobernos do PP pasa pola modificación do Estatuto Marco para permitir a laboralización do persoal, o 25 de xullo, día da patria galega, publicouse no BOE a lei 10/2013, de 24 de xullo, que traspón unha directiva europea da troika. Así no artigo 65 bis, de servizos de xestión clínica e nunha nova disposición transitoria oitava, desprotéxense no fundamental aos traballadores e traballadoras que pasen a desenvolver funcións de xestión clínica, os cales logo de pasados os tres primeiros anos nesa función só terán dereito a computar o tempo a efectos de antigüidade.
Este borrador, logo de pór as bases da futura privatización mediante o despezamento dos servizos sanitarios en empresas concesionarias, deixa todo o demais interesadamente aberto: non se clarexan as condicións de traballo, a mobilidade interna, os traslados, os reingresos, ou o sistema retributivo, que apenas obedecerán a outro criterio que o puro capricho arbitrario da dirección e a lóxica implacable dos recortes economicistas.
As deputadas de EU, Yolanda Díaz e Eva Solla, interpelaran no parlamento galego ao goberno do pp para que explique as medidas de presión que está a exercer sobre o cadro de persoal do SERGAS, co seguinte tenor:
– Que medidas de presión está a desenvolver o goberno galego para facer efectivo entre as traballadoras e traballadores o chamado “efecto arrastre” nas verbas do responsable de asistencia sanitaria da consellaría?
– Que efectos se derivan, segundo coñece o goberno galego, da transposición á nosa lexislación da lei 10/2013, de 24 de xullo?
– Non resta sen definir ulterior normativa para concretar a privatización desas áreas de xestión clínica nas que se fragmentaría o SERGAS?
– Que estudos económicos e de plantilla elaborou o goberno galego para fundamentar a elaboración deste decreto de áreas de xestión clínica?
– Como valora o goberno galego o rexeitamento xeralizado deste borrador de decreto por parte das organizacións que representan aos traballadores e traballadoras do sistema sanitario público galego? Vanse conseguir dos orzamentos para as prestacións sanitarias? Vanse conseguir de ulteriores recortes no salario do persoal do SERGAS?
– De onde agarda acadar os fondos para entregar incentivos ao persoal segundo prevé o acordo de xestión clínica? Non semellan contradictorios tales incentivos cos continuados recortes salariais impostos aos traballadores da función pública?
– Acaso este decreto non se inxire na estratexia Sergas 2014 que na súa visión estratéxica pretende a entrada neste sector das empresas privadas?
– Dados os negativos efectos que se desprenden do borrador de decreto das áreas de xestión clínica tanto para a atención aos doentes como para o persoal estatutario do SERGAS, non contempla o goberno galego retirar o referido borrador de decreto?
O coordinador comarcal de EU, César Santiso, indico que “a Xunta pretende cercenar dereitos dos traballadores e traballadoras para colocar na estrutura directiva aos seus amigos sen atender aos criterios de igualdade, mérito e capacidade”.