Tráfico drogas Penamoa

 

A veciñanza da cidade da Coruña tiña pensado que ao mesmo tempo que se desmantelaba, tamén se estaban a erradicar as actividades de tráfico de drogas que tiñan a súa base loxística no poboado.

 

Pero segundo as informacións que nos chegan a través da “Plataforma Ventorrillo Desmantelamento Penamoa” e dalgúns outros veciños non vinculados coa plataforma, o tráfico de drogas da zona non foi erradicado senón que foi “dispersado”.

 

No lugar dun punto de concentración do tráfico de drogas, agora existen varios puntos de distribución aos que acoden os mesmos drogadictos.

 

Isto ocasiona problemas de varios tipos: un problema de seguridade para os residentes da zona; un problema de salubridade ao desfacerse os toxicómanos dos restos do material que utilizan arroxándoos en viais de tránsito público; e o problema social e humano que supón a propia drogodependencia.

 

No mes de xullo, o Goberno Municipal anunciou que despois de doce anos inactiva, se volvía a reunir a Xunta Local de Seguridade co fin de acadar a excelencia en materia de seguridade e facer da Coruña unha das cidades máis seguras de España.

 

En Esquerda Unida – Os Verdes non sabemos si a “excelencia en materia de seguridade” inclúe que unha actividade delictiva como é o tráfico de drogas, sexa tolerada e se poda levar a cabo impunemente no noso municipio debido á omisión de accións por parte dos responsabéis políticos dos corpos policiais, despois das reiteradas denuncias dos veciños.

 

Por iso, Esquerda Unida – Os Verdes rexistrou unha moción para debater no vindeiro Pleno do Concello coa seguinte proposta de acordo:

 

“O Pleno do Concello da Coruña acorda esixir ao Goberno municipal que leve a cabo as accións necesarias para:

 

Desmantelar total e definitivamente o poboado de Penamoa e proceder a inmediata rexeneración dos terreos para evitar reasentamentos e tráfico de drogas.

 

Instar á convocatoria dunha reunión da Xunta Local de Seguridade para que elabore e execute un Plan de Erradicación do tráfico de drogas no Municipio da Coruña.

 

Elaborar e executar un Plan de Rehabilitación co fin de integrar o meirande número de drogodependientes reducindo así ao mínimo a utilización de métodos represivos no proceso de erradicación do tráfico de drogas.”

 

Relacionados