Trama subvencións reforestación

Santiago de Compostela, 26 abril de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda lamenta a actuación da Xunta de Galicia diante da trama das subvencións para a reforestación da Costa da Morte ante a que actuou “tarde, mal e arrastras” e onde só a presión social e xudicial dos afectados e afectadas conseguiu resultados. Foron os estafados e estafadas os que presentaron as denuncias e os que constantemente mantiveron a tensión na procura do esclarecemento dos feitos, aguantando incluso advertencias e ameazas da suposta trama corrupta.

A Xunta de Galicia pola súa banda non moveu un dedo e mesmo amparou comportamentos cando menos irregulares, abandonando un principio que debería ser fundamental, que é garantir un correcto funcionamento da administración, con independencia de que paralelamente se estivese a levar a cabo unha investigación xudicial.

Era público e notorio que o Distrito V forestal , tiña membros que non desempeñaban correctamente as súas funcións, permitindo por exemplo reforestación de terras agrarias sen actuar, e sen embargo a Consellería de Medio Rural non fixo nada para corrixir esta situación.

Antón Sánchez destacou que, “de descubrirse a complicidade de membros da administración coa tramitación ilegal de subvencións forestais, onde existe falsificación de sinaturas,creación de contas falsas,sinaturas de inspeccións que non foron realizadas, entre outras irregularidades, existirían responsabilidades políticas” xa que os responsábeis son os que teñen a obriga de vixiar que a administración funcione correctamente, e terían que dar conta de porque non fixeron nada ou non se decataron do que estaba a acontecer durante todos estes anos.

 

Relacionados