Esquerda Unida rexeita que os poderes públicos desenvolvan entidades privadas como a devandita fundación, pois a creación de administracións paralelas é outra maneira de executar privatización de servizos.
Unha vez que se tomou a decisión, cos votos favorábeis dos concelleiros do grupo municipal do PP, Esquerda Unida solicita máxima transparencia na xestión da fundación destinada a asuntos sociais e deportes.
O equipo de goberno municipal está a asegurar que o uso e a xestión da dita fundación será ético, transparente e exemplar, xa que logo, o grupo municipal de EU-V propón que a fundación traslade a unha páxina web toda a información relativa a doazóns e subvencións para que toda a veciñanza da Coruña teña acceso aos datos, como demostración de que verdadeiramente a xestión da fundación será exquisita.
Cesar Santiso, voceiro de EU-V, afirmou que “a fundación non deixa de ser un instrumento que permite xestionar cartos fora do control público, esiximos que a cidadanía poida exercer control sobre a súa xestión”.
En relación a cancelación do tranvía turístico por motivos de seguridade, César Santiso indicou que “semella que chegou o momento de transformar unha liña turística deficitaria e ineficiente, nun transporte público colectivo de calidade que permita conectar dos vértices da cidade de maneira eficaz, rápida e cómoda mediante un moderado investimento resultante de reutilizar a meirande parte das instalacións actuais”.