Transporte público sustentable

 

Claro exemplo desta actitude son as medidas levadas a cabo nos últimos oito anos polo equipo de goberno formado polo PSdG-PSOE e BNG, considerando que “humanizar” distintas zonas da cidade é simplemente facer beirarrúas máis anchas, suprimindo prazas para aparcar favorecendo os aparcadoiros subterráneos de xestión privada, e , a pesares desta crise que ratifica a necesidade dun cambio de modelo económico, realizando as mesmas actuacións de sempre, preocupándose en facer grandes obras como, por exemplo, o túnel no Hórreo ou posibles actuacións na Praza de Galicia, desentendéndose por completo da mellora do transporte público urbano e metropolitano.

 

 

Unha vez máis o actual equipo de goberno volve demostrar que os seus acordos de goberno son meras palabras escritas en papel que non se levan a cabo posto que, por exemplo, no punto 21 das medidas que ían levar a cabo pódese ler textualmente “Desenvolver un plan de mobilidade en todo o municipio que diagnostique as necesidades e demandas e deseñe as medidas necesarias para resolver os problemas de tráfico”, a non ser que este equipo de goberno considere como únicas medidas necesarias a construción de túneles, beirarrúas e demais actuacións urbanísticas que realizaron nesta lexislatura.

 

 

O Consello Comarcal de Esquerda Unida considera innegable que para xestionar correctamente o tráfico diario da cidade o primeiro punto fundamental e lograr que éste diminúa considerablemente e non facer obras e máis obras, necesaria solución que esixe vontade política e unha clara vocación do Concello como servizo público, para acadar unha cidade máis habitable, saudable, ecolóxica e cohesionada socialmente.

 

 

Por iso dende Esquerda Unida Compostela propoñemos a elaboración dun plano integral de transporte que atenda a dúas condicións prioritarias: sustentabilidade e servizo público de calidade; esixindo, entre outras moitas medidas, que se reforcen ou aumenten as liñas e cadencias do actual transporte público, someter a estudo a creación de buses lanzadeiras desde aparcadoiros disuasorios establecidos na entrada á cidade, creación de bonos que teñan en conta a renda da cidadanía, implantación do bus-empresa no Polígono do Tambre ou, por exemplo, a creación de forma participada dun Plan Director da Bici para que se convirta nun medio de transporte máis.

 

 

 

Relacionados