Transporte urbano público

A empresa Tranvías de Ferrol non ten reparos, e nin o alcalde nin a Xunta ponlle impedimento, para fixar o prezo do billete de autobús urbano máis caro de Galicia, por enriba de cidades como Vigo (1,37 euros) ou A Coruña (1,27 euros). Unha estafa que encarece máis aínda vivir na cidade coa taxa de desemprego máis alta do país, e que, para maior escarnio, ofrece rutas deficitarias, non acordes aos cambios urbanísticos da cidade e a súa contorna.

Poténciase así o uso do transporte privado, é unha medida contra a economía das familias e do medio ambiente, contraria á tendencia europea de afastar os coches das cidades, con transportes públicos decentes e accesibles, usos de carril-bici e concepcións de cidades compactas con todos os servizos achegados á cidadanía, características todas elas que brillan pola súa ausencia en Ferrol, froito dun goberno municipal anclado na política de salón con corte de cinta e de costas ás demandas cidadás.

Esquerda Unida considera que cómpre unha comisión tripartita entre os partidos políticos, as asociacións veciñais e a propia empresa concesionaria para a procura dun acordo respecto ás rutas e os prezos dos servizos, toda vez que hai xa demandas históricas, como as dos veciños de San Xoan ou Catabois que continúan sen ser atendidas. Incluso instamos ao goberno municipal a facer un estudo para a reversión forzosa da concesión, por deficiente cumprimento do contrato, e navegar contra a corrente privatizadora construíndo unha empresa pública que favoreza o emprego público e poña freo a avaricia empresarial que só procura o beneficio económico fronte ao exercicio democrático dos dereitos sociais, como é o dereito a un transporte público.

Relacionados