Trasvase de Meirama a Cecebre

Esquerda Unida denuncia que o custoso transvase de augas do lago artificial de Meirama a Cecebre non responde ás necesidades da cidadanía. Trasvasar auga da balsa de Meirama ao encoro de Cecebre ten moito de pretexto para xustificar o negocio privado de dúas minicentrais, unha con concesión administrativa caducada e outra aprobada no tempo de desconto da era Fraga para beneficiar a conspicuos persoeiros dos partidos do réxime e do empresariado. Tan é así que non se entende que se fure monte arriba para tender unha condución de auga de case kilometro e medio, porque chegaría conectar directamente a balsa co río Barcés. Detrás restan intereses espurios e incumprimento das previsións contidas no plan hidrolóxico sobre os aproveitamentos na bacía Galicia-costa.

O encoro de Cecebre atende sen problemas as necesidades de auga potable da cidade da Coruña e dos concellos da comarca e non necesita das augas de Meirama, ácidas, preñadas de metais pesados e baixas en osíxeno.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “en lugar de investir na nova cultura da auga baseada no aforro e consumo responsable o PP malgasta cartos públicos nunha infraestrutura onerosa e superflua”.

César Santiso salientou “unha vez máis o PP amosa a súa hipocrisía, aplica enormes recortes a cidadanía e presume de aforrar diñeiro público para despois malgastalo en obras faraónicas que so benefician a uns poucos. Mellor sería utilizase eses recursos para reducir o prezo do auga para a maioría social en lugar de subilo como está a facer, crear tarifas sociais e aplicar fiscalizade polo sobreconsumo, para protexer un recurso fundamental para a vida que cada vez é máis escaso por mor do cambio climático.

O grupo parlamentar de AGE a instancias do grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes presenta unha Proposición Non de Lei para evitar o innecesario transvase de augas de Meirama a Cecebre que complementa a presentadas fai tres días para prohibir a construción dunha minicentral, o tenor literal da devandita PNL di:

 

O Parlamento Galego insta á Xunta de Galicia a desenvolver as medidas oportunas para evitar o trasvase dende a balsa de Meirama a Cecebre.

Relacionados