Trato de favor a Povisa

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2013.- O concerto coa sanidade privada máis caro de todo o Estado español, o que o Sergas mantén dende 1983 co hospital Povisa de Vigo, implica, ademais de serios déficits na atención, penosas condicións laborais para os seus traballadores. Así o denunciou en comisión parlamentaria a deputada de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Eva Solla, na que presentou unha proposición non de lei (pnl) para esixir á Xunta do Partido Popular que cese no seu trato de favor a Povisa.

“Desde hai aproximadamente tres anos, a dirección do hospital está a impoñer determinadas medidas empresariais antagónicas coa calidade asistencial que en teoría debería prestar”, explica o texto da proposición, e estas substáncianse en redución do cadro de persoal, flexibilidade horaria ou mobilidade do persoal entre servizos. Esta política laboral incide directamente no servizo aos pacientes. “As listas de espera en Povisa”, denunciou Solla, “dobran o tempo de espera da media do Sergas. E máis aínda en especialidades”.

A Consellería de Sanidade tampouco obriga ao centro co que mantén un costoso convenio a acatar a sentenza sobre materia laboral que a dirección de Povisa se nega a aplicar. “É preciso que a Xunta faga cumprir o contrato”, insistiu Solla. Porque, ao cabo, factores como que ratio de pacientes por persoal sexa moito máis alta ca nos hospitais públicos só degradan a asistencia sanitaria e coloca aos pacientes que o Sergas adscribe a Povisa –a zona do Morrazo- reciban un peor tratamento. Ou que, exemplificou a parlamentaria de AGE, unha usuaria de Povisa enferma de cancro de mama deba soportar dúas operacións no canto dunha –así é na sanidade pública- porque a carteira de servizos do complexo privado non está completa.

A proposición non de lei de Alternativa, apoiada por PSdeG e BNG, foi rexeitada polo PP.

 

Relacionados