Trato de favor cos centros privados

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE), denuncia o novo procedemento da Xunta para beneficiar ás empresas privadas dando orde ao 061 de trasladar directamente aos centros privados as persoas con lesións leves o que supón dobre discriminación positiva xa que non só supón a derivación de pacientes senón que son ademais os máis rendibles en termos económicos.

A deputada Eva Solla alerta ademais dos riscos desta medida xa que implica a valoración inicial ou triaxe por profesionais sen formación na materia que se ben poden ter ampla experiencia laboral non teñen competencias neste senso coas repercusións que para os mesmos isto pode ocasionar en caso dunha posible reclamación ou denuncia por parte dos pacientes.

Este recoñecemento do protocolo do 061 xa se viña aplicando dende fai tempo de maneira opaca en diversas áreas, para trasladar ás vítimas de accidentes de circulación menos graves a centros privados. Para Alternativa Galega de Esquerda, o propio 061 debería integrase, de unha vez por todas, na sanidade pública, evitando así a especulación en torno á saúde e favorecendo a aplicación de protocolos unicamente apoiados no benestar das persoas doentes e na evidencia científica.

Alternativa Galega de Esquerda presentou no Parlamento unha iniciativa para que se inste á Xunta de Galicia a integrar a Fundación 061 no Servizo Galego de Saúde e establecer con con carácter urxente un protocolo serio, con criterios sanitarios e de organización para a atención e traslados dos doentes atendidos por este servizo a centros da rede pública, evitando o traslado a centros privados. AGE esixe tamén realizar un estudo das necesidades de ampliación e estruturación do servizo coa finalidade de mellorar e reverter os recortes nos servizos de ambulancias.

Relacionados