PRESENTACION DE XABIER RON DA XORNADA “GALICIA CONTRA A TROIKA”

 

Fronte á imposición, rebeldía e ruptura. A Europa a construír será a Europa dos Pobos, a Europa Social. Así, sinxelamente non podemos seguir. Fronte ao poder destituínte que vén da Troika, temos que construír desde abaixo a alternativa. Non caben desercións. Non cabe a resignación. Non cabe a apatía, a indiferenza. Iso sería entregar un cheque en branco para que nada mudase en Europa despois de maio de 2014.

Democracia. Participación e implicación. Dereitos humanos. Solidariedade e Fraternidade. Cooperación. Espazo Público e Ben Común.  Non son simples palabras. Non deixemos que a linguaxe neoliberal nos roube ate a ialma dos conceptos que definiron á esquerda. Recuperámolas das redes da mentira e da manipulación e convertámolas, xunto con outros conceptos, na identificación das nosas políticas alternativas, que necesariamente han ser rupturistas, transformadoras e de esquerdas.

Non será doado. Nin será inmediato. Iso hai que explicalo ben. Non lle podemos mentir máis a unha cidadanía farta de promesas incumpridas. Por iso, nestas xornadas queremos asentar piares para sermos protagonistas desa ruptura. Para sermos non só reactivos, senón proactivos, pois temos que dicir que existen alternativas á desfeita.

Alternativas que veñen do pobo galego para acadarmos a Europa dos Pobos e rachar coa Europa dos Mercaderes. E temos que ter tamén a necesidade de falar de todos os desequilibrios e deficiencias que xeraron a construción de Europa e a moeda única o Euro. Sen medos. A dialéctica só poder afortalar o proceso de conciencia política.

Así non podemos seguir. As oligarquías e o funcionamento non democrático das institucións que adoptan as decisións que máis inflúen na nosa vida regularon para o seu lucro e beneficio toda a estrutura decisoria dos países dos Estado-membro. Sen temor a esaxerar podemos dicir que cada anuncio de “converxencia” coa UE é unha coartada máis para os recortes, a amputación de dereitos, para a degradación e privatización dos servizos públicos. Iso é o que está en xogo. E, xa que logo, non cabe unha actitude indiferente. Todo o contrario, cómpre implicarse e ver como mudar o sentido destrutivo que está adoptando as institucións. Rescatalas para a vida pública e democrática.  Ruptura para acadarmos a Democracia en Europa. En todos os eidos.

Está en xogo unha política alternativa en materia migratoria, de respecto polos dereitos humanos e por unha necesaria convivencia intercultural; en materia de solidariedade económica; en materia de políticas medioambientais e ecolóxicas (podemos aceptar noutro país o que non queremos que fagan con nós?); en materia de dereitos políticos e sociais; etc.

Fronte a esta necesidade naceu a idea de tentar unir pensamentos, propostas e traballo conxunto. Lanzamos a idea e sodes moitas as organizacións que decidíchedes sumarvos a esta idea de colectivizar. E alegrámonos por isto.

A xornada de hoxe estará estruturada en dúas etapas:

a) a primeira etapa será a da participación das organizacións, que durante uns 5 minutos e desde o seu raio de acción e a súa visión política e social, achegarán unha resposta a unha cuestión: que debe facer Galicia para estar en Europa;

b) a segunda etapa virá dada por unha Mesa Redonda protagonizada por Alberto Garzón e Xosé Carlos Arias, moderada por Manuel Lago.

c) no medio, entre ambas etapas, como remate ás intervencións das organizacións, teremos a intervención de Yolanda Díaz a coordinadora nacional de Esquerda Unida.

Finalmente, teño / queremos desde Esquerda Unida agradecer de novo a presenza de todas as Organizacións; é para nós moi importante. Sen vós, esta xornada, e as que se sucedan perderían todo sentido, todo valor.

 

Relacionados