Efectivamente, nos últimos anos o porto coruñés é un dos de mellor proxección do Estado en canto a turismo de cruceiros, até o punto de converterse no de maior crecemento durante o primeiro semestre deste ano cun 66,9% de incremento ata chegar aos 71.588 pasaxeiros. Asemade o bo quefacer da autoridade portuaria permite que este incremento non sexa so cuantitativo, senón que tamén o é cualitativo como amosa o galardón “Mellor Porto de España” outorgado no 2011 debido as súas condicións, ubicación e calidade. A propia autoridade portuaria espera superar os 150.000 cruceiristas no 2013 e situarse preto desa cifra neste ano.
Diante desta oportunidade Esquerda Unida esixe ao Concello que defina ofertas turísticas que estimulen o consumo dos nosos visitantes para rentabilizar o incremento de cruceiristas. Así o Concello xunto cos distintos axentes turísticos debe desenvolver iniciativas que incrementen o impacto económico dos que visitan a nosa cidade, de tal maneira que cando cheguen os turistas teñan claro o acceso as distintas rutas turísticas que lles permita transitar con rapidez e facilidade pola cidade e que estas estean totalmente coordinadas co pequeno comercio para poder incentivar o seu consumo e axuden á recuperación económica local ao tempo que sirvan de salvavidas do pequeno comercio que está a vivir unha situación moi delicada debido a errática aposta polas grandes superficies dos anteriores gobernos do PSOE, pero que empeorá gravemente coa suba do IVE no mes de setembro decretada de maneira inconsciente polo goberno do PP.
Algo diametralmente oposto á situación actual onde se atopan cunha oferta turística pouco definida, peor publicitada e nulamente coordinada para fomentar o consumo dos turistas. Xa que logo, o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes denuncia que debido á inacción do goberno municipal o sector de hostalería e pequeno comerzo está a perder a oportunidade de facturar preto de 16 millóns de euros, pois segundo estudos existentes o impacto económico desta actividade durante o ano 2011 foi de sete millóns de euros a razón de 55 euros por pasaxeiro, mais segundo estudos da nosa organización consideramos que o consumo pode chegar a triplicarse cunha correcta xestión e coordinación turística que, incluso permitiría aspirar a que o noso porto sexa punto inicial de embarque ou final de desembarque o que redundaría en que a estancia dos cruceiristas pasaría dunhas horas a máis dun día, incrementado exponencialmente o impacto económico.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “apostamos pola construción dun novo modelo turístico que sexa quen de adaptarse á nova realidade económica que estamos a vivir, para poder incluso chegar a triplicar o impacto por cruceirista que se rexistra actualmente”.