O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera moi preocupante a perda 22.045 turistas durante o 2012 así como o esborralle da ocupación hostaleira ao 48,7%. Esta situación obriga ao concello a actuar con determinación e celeridade mediante o deseño de rutas que, centradas nos atractivos puntos culturais da nosa cidade, permitan aglutinar en torno a elas unha importante oferta hostaleira e comercial a través de itinerarios configurados para fomentar o consumo dos turistas, reactivando así un sector en declive como o pequeno comercio, alicerce da nosa economía local. Algo diametralmente oposto á situación actual onde a oferta turística é escasa, inconexa, pouco definida e ineficiente.
Esquerda Unida urxe ao goberno municipal a desenvolver un plan de turismo baseado na creación de rutas turísticas na cidade consensuado co sector e baseado nas capacidades da nosa cidade. Así pois débese poñer en valor o turismo cultural, gastronómico e ecolóxico para outorgarlle o valor engadido que necesita a nosa cidade para incrementar o número de visitantes ao tempo que se incremente o impacto económico destes, que na actualidade é extremadamente baixo.
O devandito plan debe ser participado polos distintos axentes turísticos, federacións de veciños, sindicatos e partidos políticos baixo a coordinación do consorcio de turismo para desenvolver iniciativas que permitan ao Concello habilitar ferramentas tendentes a incentivar o consumo dos turistas como por exemplo os cruceiristas, de tal maneira que cando os turistas cheguen teñan inmediata información dunha estimulante e atractiva oferta turística na nosa cidade, non como sucede agora que os turistas cando chegan a nosa cidade atopasen perdidos e deambulan dun lado sen rumbo definido perdendo así o pouco e valioso tempo que pasan na nosa cidade.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o goberno local debería atender as nosas suxestións habida conta de que non acerta nas políticas necesarias para reactivar o turismo na nosa cidade, como demostran as cifras do balanzo do ano 2012”.