Un millón perdido

Esquerda Unida denuncia que a economía coruñesa deixou de ingresar un millón de euros debido a desidia do goberno municipal. Na actualidade o consumo medio por cruceirista rolda os 55 euros, mentres que o consumo medio dun turista en España, neste 2013, foi de 109 €/día. Si o executivo de Negreira escoitase as nosas propostas podería duplicar o consumo até igualarse coa media española. Algo fundamental para a hostalaría e o pequeno comercio pois durante o 2013 visitáronnos 157.000 cruceiristas aos que hai que sumar a tripulación, preto de 64.000 persoas.

Parece que o incremento deste tipo de turismo beneficia claramente ao noso porto, e sen embargo, o concello segue inmóbil fronte ás posibilidades que ofrece, e iso a pesar de que a partida orzamentaria de turismo incrementouse de maneira considerable. Resulta entón imprescindible incidir, unha vez máis no que xa tanto tempo levamos a reivindicar:  o grupo municipal de Esquerda Unida – Os verdes insiste na necesidade de que o concello desenvolva dun plan de turismo para promover o consumo entre os turistas. Para a súa elaboración, se debería contar coa participación dos distintos axentes turísticos, federacións de veciños, sindicatos e partidos políticos baixo a coordinación do consorcio de turismo, coa intención de definir rutas con itinerarios dotados dunha ampla oferta comercial, hostaleira e gastronómica, antes de chegar aos puntos de interese turística, de tal maneira que cando os visitantes cheguen, teñan inmediata información da estimulante e atractiva oferta turística que se lles pode ofrecer. Porque non parece moi lóxico é atopar aos turistas cuns mapas sen a posibilidade de artellar un plan cunha serie de rutas turísticas que lles dean a coñecer dun xeito sinxelo e fluído cales son os nosos tesouros, o que tamén pasaría por dar a coñecer as posibilidades do pequeno comercio e da hostalaría.

O que si quedou patente é que, observando a evolución das escalas e do número de persoas que recalan na nosa cidade, non comprendemos por que o concello non actúa. O goberno municipal desperdicia así unha magnífica oportunidade para apoiar a sectores como o hostaleiro, o gastronómico ou do pequeno comercio, dándolle un empurrón á maltrecha economía local para xerar emprego.

O voceiro de EU-V, César Santiso, sinalou que “se facemos o posible para que a estadía na cidade sexa pracenteira, e que os turistas aproveiten o tempo que pasan nela, de seguro que regresan e fan a mellor publicidade para a Coruña e ademais gratuíta”.

Relacionados