Un novo modelo rural

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu deputado Antón Sánchez, denuncia que o Partido Popular “non está disposto a afrontar seriamente as mudanza precisas para que os lumes deixen de ser un problema nacional”. A dereita deu unha nova proba onte, na comisión parlamentaria de Medio Rural, ao ofrecer –por boca do secretario xeral da consellaría- un discurso ateigado de manipulacións, falsidades e triunfalismo. “O PP elude as responsabilidades derivadas das políticas rurais realizadas nos últimos 30 anos, nos que gobernou case sempre”, criticou Sánchez, “e é urxente un cambio de modelo que invirta a tendencia a abandonar o rural”. Para AGE, eis a chave para que o lume deixe de arrasar o país cada ano.

O parlamentario de Alternativa presentou unha proposición non de lei ao respecto. A recuperación da superficie agraria útil para a produción de alimentos, rematar co monocultivo de especies con baixo valor e subsituílo polo aproveitamento multifuncional do monte, deseñar políticas efectivas de ordenación do territorio, elaborar programas locais de xestión da propiedade ou o apoio aos montes en mancomún centran as propostas de AGE. Antón Sánchez acompañou a súa intervención de datos: “En 1989, o gasto na loita contra o lume era de 3,5 millóns de euros. “4 anos despois, cen millóns. Cada vez se gasta máis en extinción e menos en prevención. Pero a clave está nas 350.000 persoas que nese período deixaron a actividade agraria e o interior da Galiza”. O país conta coa menor porcentaxe de terra agraria para produción de alimentos de toda Europa. “Pagamos todos os anos uns 900 millóns de euros en importar alimentos que poderiamos producir por nós memos se non houbese tanta terra abandonada. Contamos cunhas condicións privilexiadas”, expón o deputado de AGE, para quen a solución ao problema dos incendios ten que ter en conta todos estes factores.

Alternativa Galega de Esquerda chama a todas as organizacións, partidos e axentes sociais a encetar un debate sobre o modelo de rural que precisa Galiza, a primeira condición para que os lumes deixen de ser un problema. O grupo parlamentario chama, ademais, a participar mañá, ás doce da mañá en Santiago de Compostela, na manifestación convocada pola asociación Monte Pindo por unha Galiza sen lumes e un rural con futuro”.

Relacionados