Un PXOM a prol da especulación

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes aposta por un PXOM participativo baseado nos ecourbanismo e cuxo principio rector sexa a humanización da cidade en base a criterios de sustentabilidade. Así as actuacións fundamentais deberían centrarse en recuperar zonas verdes para convertelas en zonas de lecer, non se trata de poñer catro arbores aquí e uns bancos alá como fixeron este e anteriores gobernos municipais, senón que se trata de acadar espazos públicos transcendentais que actúen tanto de pulmóns da cidade, como de axentes socializantes. Neste sentido compre ser cautelosos dos espazos rurais, xa que o seu valor é, precisamente ese. Non podemos permitir que se produza un crecemento descontrolado que leve á desaparición dos núcleos pseudo-rurais para fomentar a súa inclusión no tecido urbano, porque non é necesario nin desexable converter en cidade o que hoxe é campo. Xa que logo apostamos por comunicalos correctamente co centro urbano e dotalos dos equipamentos e infraestruturas necesarias para garantir a equidade en relación co resto dos coruñeses e coruñesas, mais mantendo e resaltando o seu espírito rural, convertendo os espazos baleiros e abandonados en hortas urbanas autoxestionadas e parques naturais que lle outorguen valor engadido a estas zonas, incrementando así a calidade ecolóxica da nosa cidade na procura de converternos en referente mundial en canto a oferta ecoturística.

Apostamos por un PXOM que en lugar de incrementar a edificabilidade incentive a rehabilitación de vivendas en base a criterios de eficiencia enerxética e sostenibilidade. Porque non ten sentido reclasificar máis de 1,5 millóns de m2 para planificar 35.000 novas vivendas a consta de reducir a superficie destinada a espazos libres nun 10% ou a dedicada a equipamentos nun 15%, cando na actualidade temos un parque de 20.000 vivendas baleiras e a situación económica indica que a demanda seguirá decrecendo. Xa que logo, deberíamos repensar colectivamente o uso de espazos, como por exemplo os derivados do traslado do Porto a Punta Langosteira que nos outorgan unha formidable oportunidade de xerar un lugar valioso e relevante que favoreza a reactivación económica da nosa cidade en lugar de caer nas manidas solucións especulativas da era Vazquista, como por exemplo o Porto Centro de Lecer.

Esquerda Unida reclama unha Coruña para a cidadanía e non para os especuladores, Outra vez máis PP e PSOE amosan as súas coincidencias, antano o fixo o PSOE co PXOM do 1998 que nos levou ao período de maiores barbaridades urbanísticas da historia da cidade. Agora o fai o PP baixo o falaz argumento de que a flexibilidade do PXOM facilitará o desenvolvemento da cidade deixa o 65 % do chan urbanizable pendente de clasificación, fiándoo a posteriores actuacións en plans especiais deseñados á carta das promotoras “amigas”. Así, pretende legalizar o ilegal ao permitir, en contra do informe técnico, legalizar inmobles segundo a normativa vixente cando se construíron a pesar de que a lexislación obriga a que sexa coa normativa actual ou se fragua un pelotazo urbanístico en Durmideiras habilitando 37.767 m2 para edificar 330 novas vivendas nun mamotreto de cinco alturas nunza das zonas máis densamentes poboadas de Europa e que supón un atentado paisaxístico e unha aberración tanto medioambiental como en materia de mobilidade. Asemade podemos citar outros exemplos como os agasallos a certos promotores aos que se lles recalifica terrreos ou se lles incrementa a edificabilidade, como os casos de Mesoiro, o Martinete o a zona de Marineda City.

Defendemos unha cidade deseñada para as persoas e non para os automóbiles. Xa que logo entendemos unha auéentica aberración aprobar un PXOM sen ter deseñado previamente un plan de mobilidade onde se promova os traxectos a pe e o uso da bicicleta, así como a utilización masiva do transporte público en base a crear plataformas complementadas con vías prioritarias, ao tempo que se evite a entrada masiva de vehículos mediante a aposta polo tren de proximidade e os aparcadoiros disuasorios.

César Santiso, indicou que “si tivesemos capacidade de decisión na acción de goberno, promoveríamos un PXOM pensado por e para a veciñanza, para crear un modelo de cidade máis xusto e mellor” contando coa veciñanza e os técnicos locais como o Colexio de Arquitectos, a Escola Técnica Superior de Arquitectura ou o Colexio de Enxeñeiros de Camiños.

Santiso rematou indicando que “un goberno intelixente, un goberno que pensa no futuro, en lugar de tirar para diante cos ollos pechados, recapacitaría porque nun momento no que a construción está parada, pódese aproveitar a oportunidade para redactar un Plan que teña en conta a todos os axentes sociais para definir o proxecto de cidade que queremos para o futuro. Non ten sentido aprobar un PXOM antes de rematar o proxecto Coruña Futura onde se supón que temos que definir o plan estratéxico que guíe a nosa cidade nas próximas décadas”.

Relacionados