“Hai que desterrar a vella política do urbanismo , da xestión do público, dos servizos, non serven os modelos de construción especulativa do pasado”conclúe o portavoz do grupo ao mesmo tempo que anuncia xa alegacións ao plan especial de Ferrol Vello.
Ferrol, 30 de xuño de 2014. O grupo municipal de Esquerda Unida manifesta, novamente, a súa preocupación pola, máis que probable, dinámica de feitos consumados a propósito das decisión que se están a tomar con respecto da revisión do plan de urbanismo e que van conformar unha dinámica de feitos consumados de difícil. No fondo estamos perante un capítulo máis do mesmo: de costas ás posibilidades que outorga o regulamento de participación cidadá o PP está a propoñer unha revisión do plan de urbanismo agochando baixo fórmulas vacuas (“es una oportunidad”, “hay que adaptar el planeamiento a la realidad”…) o que xa se ve que vai ser unha nova volta de torca do modelo que nos levou á actual situación de ruína (e ruínas), de reurbanización descontrolada do medio, de aposta pola cidade dispersa , en crecemento continuo, e o seu corolario inevitable: o despoboamento e declive comercial da cidade e barrios tradicionais; da falta de servizos e solo dotacional nos novos asentamentos e nos barrios exteriores, da falta de trenzado e trama urbana entre barrios etc. Todo isto ten que ser debatido xa, na opinión de Javier Galán. Desde o primeiro momento no que o goberno municipal adoptou a decisión de iniciar o proceso que levará á revisión do plan deberían estar convocados os órganos de participación cidadá.
“Hai debates que teñen que darse agora, non no momento das alegacións cando todo estea cociñado. As vellas políticas e as vellas manobras deben ser desterradas para sempre da xestión e do planeamento urbanístico” conclúe o voceiro do grupo.
Por último o voceiro do grupo anuncia a presentación no momento da súa publicación inicial de alegacións ao Plan Especial de Ferrol Vello: “Por suposto a comezar por unha primeira que tamén repetiremos para a taxa de saneamento: non houbo nin información suficiente nin se garantiu un proceso participado; non vai con nós ese procedemento”. A maiores o grupo anuncia determinadas alegacións que afectan aos valores relativos ao modelo BIC, normas de uso que permiten unha excesiva proliferación de usos terciarios, e que indican por onde van ir os tiros para a revisión do plan en canto aos barrios tradicionais etc, ordenación do espazo público e mobilidade, a viabilidade económica do plan ou a (im)política de vivenda.