Un réxime en descomposición

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2013.- Ante as informacións publicadas hoxe nun medio de comunicación (El País) na que se apuntan a pagos irregulares a membros da cúpula do PP, incluído o propio presidente do Goberno, Alternativa Galega de Esquerda (AGE), á espera de confirmar a fiabilidade das fontes e de saber se estes documentos constan nos procesos xudiciais en curso, amosa a súa indignación coa actitude nada democrática do Partido Popular á hora de avaliar estes feitos. Un comunicado deste partido emitido a primeira hora da mañá nega toda veracidade a ás notas manuscritas atribuídas ao seu ex tesoureiro, Luis Bárcenas. Para AGE, non se pode permitir que, diante desta caste de informacións, no PP -un dos piares do réxime político emanado da II Restauración borbónica- non aconteza nada de nada. En calquera outro país europeo, xa tería habido explicacións claras e dimisións.

A maiores, Alternativa considera que as investigacións xudiciais en torno ás contas do partido da dereita –que inclúen tamén a trama Gürtell- é outro síntoma máis da descomposición do sistema político habilitado a partir da denominada Transición. E súmase á crise que abala a Monarquía ou a que afectou ao ex presidente do Tribunal Supremo e, por extensión, ao poder xudicial. Xa non se trata unicamente de problemas éticos, senón, ademais, no propio funcionamento das institucións.

 

Relacionados