CRTVG pública e independente

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2013.- Para Alternativa Galega de Esquerda, a Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) é “esencial para a vertebración do país, no ámbito cultural e no ámbito lingüístico”. Porque os medios públicos, en palabras do parlamentario David Fernández Calviño en comisión parlamentaria, “resultan un oasis nun mundo, o do audiovisual, onde todo está en castelán”. É por estas razóns que AGE denuncia a “cada vez maior presenza do castelán nas programacións da radio e da televisión de Galicia”. “Isto acontece sobre todo nas tertulias, esas ateigadas do que Carlos Taibo denomina todólogos”, explicou Fernández Calviño, “busquen a outros, que os hai, que saben galego, e que seguro que din menos estupideces”.

De acordo coa lei de creación da compañía, o deputado de Alternativa tamén esixiu que a CRTVG atenda con máis intensidade “por fomentar a identidade da nación galega. Porque ás veces fala máis da inexistente nación española que, como expoñen os historiadores competentes, é un invento de finais do século XIX”. Ao mesmo tempo, Fernández Calviño instou ao ente público a ampliar as capas da súa audiencia. “Para nós é moi importante que a televisión e a radio galegas cheguen aos nenos e aos adolescentes”, afirmou. Como tamén é fundamental que as cámaras e os micrófonos da compañía fagan máis caso “do deporte de base e menos do fútbol profesional, da difusión cultural e artística e de grupos sociais non representados nos medios non comerciais”.

O parlamentario de AGE continuou cunha defensa dos traballadores da compañía. “Cremos que a CRTVG debe ser pública e independente”, asegurou ante o director xeral do ente, Alfonso Sánchez Izquierdo, “por iso os traballadores deben ter boas condicións laborais”. E finalizou cunha pregunta dirixida ao Partido Popular: “Son quen de garantir que non van privatizar a radio e a televisión pública nesta lexislatura?”.

 

Relacionados