A executiva nacional de Esquerda Unida fai un chamamento a todas as expresións sociais e políticas galegas anticapitalistas para a construción dunha fronte ampla de esquerdas que sexa quen de transformar o sistema. Estamos ante un momento de recorte e perda de dereitos, de estafa, de perda de soberanía popular, é precisa a unión contra o inimigo común que non é máis que unha política neoliberal e antisocial á cal temos que frear.
Esquerda Unida chama, sen excepcións, a todas as forzas galegas de esquerdas e anticapistalistas a traballar nun novo proceso constituínte, xa que dende a esquerda política temos a obriga de pular pola consitución dunha fronte común que rache co poder establecido e se converta no estandarte da maioría social, como está a demandar a cidadanía. É preciso liberar as familias traballadoras da opresión do poder económico que está a desmantelar o estado de benestar. A loita abarca unha morea de frontes, para os que a confluencia na unidade política e social é o único xeito de rachar co sistema neoliberal liderado pola tiranía dos mercados para os que banqueiros e defraudadores traballan a reo.
A coordinadora nacional de EU e candidata á Xunta de Galicia, Yolanda Díaz, manifesta que “o goberno do PP é un títere dos mercados ao que lle temos que parar os pés con unidade de acción”. A violencia do sistema nos demostra que hai alternativa, vimos de acadar a unidade de acción sindical, e agora temos que camiñar cara a unidade de acción política para demostrar que somos a maioría social fronte ás políticas antisociais que agora aplica o goberno do PP en que antes o fixo o goberno do PSOE.