Unha análise sobre a fenda salarial galega

A fenda salarial é un factor que condensa a discriminación que sufrimos as mulleres traballadoras ao longo da nosa relación laboral.  En Galicia, temos un problema severo de fenda salarial, xa que na actualidade está a rozar o máximo histórico: ata un 30% é a procentaxe que as mulleres gañan menos que os homes. Para Esquerda Unida, a ruptura coa fenda salarial faise, por tanto, unha medida urxente para a nosa sociedade e para a consecución dun Estado avanzado e verdadeiramente democrático, non un lugar onde as mulleres sexamos seres humanos de segunda.

Esquerda Unida elaborou o documento: ‘A cuantificación da Fenda Salarial en Galicia: canto e porqué as mulleres cobran menos que os homes’, un informe que reflicte a necesidade de rematar coa fenda salarial, que lastra a emancipación das mulleres.

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, no ano 2016 as mulleres ingresaron 5.480 euros anuais menos cos homes, un dato relevante que incide na feminización da pobreza.

A fenda salarial está causada por motivos como a precariedade laboral, a temporalidade dos contratos (o 75% das persoas que traballan a tempo parcial son mulleres: que traballan menos horas de xeito non voluntario, tal e como reflicten os datos que saen hoxe sobre o desemprego) e polo diferente valor que se lle da ao traballo realizado polas mulleres en comparación co que fan os homes. Un exemplo deste último punto é que, no sector de servizos o convenio de limpeza e de edificios e locais, maioritariamente feminino, ten un salario bruto de 14.591 euros para unha limpiadora, mentres que o de empresas de seguridade ten un salario de 17.177 euros para unha categoría básica de vixiante de seguridade, ocupado maioritariamente por homes.

Ademais dos factores xa mencionados que afondan na fenda salarial, o documento elaborado por Esquerda Unida sinala outros elementos que afectan á promoción interna e á carreira profesional das mulleres, provocados en boa parte porque son estas as que asumen a maior parte do traballo de coidados. Segundo a EPA, un 95% das persoas con redución de xornada por coidados teñen faciana de muller.

Non perdas o documento: ‘A cuantificación da Fenda Salarial en Galicia: canto e porqué as mulleres cobran menos que os homes’: 

#VER DOCUMENTO DE EU SOBRE A FENDA SALARIAL (2019)

Relacionados