Unha sociedade enferma? Ao redor das “preocupacións” da sociedade no Estado Español

Por Xabier Ron

Brión, 09 de marzo de 2016.

0. Resulta interesante ver, de cando en vez, cales son as ‘preocupacións’ que manifesta a sociedade no estado español. A enquisa do CIS do mes de febreiro de 2016 recolle numericamente                       as valoracións das persoas ás que se lles preguntou sobre cal eran as súas preocupacións no tocante á situación que se vive no país.

  1. As respostas amosan unha preocupante realidade nocional. Unha realidade que permite o establecemento dunha separación entre “interioridade” e afectación persoal (EGO antropolóxico) e “exterioridade” que podemos identificar nun ALTER (OUTRO) que adquire, ao noso entender, un factor colectivo ou cando menos grupal.
  1. As máximas porcentaxes danse, precisamente, na dimensión da “interioridade”, onde o paro e os problemas de tipo económico congregan a un 78% e 25,1%, respectivamente, ás que se lle engade unha como a existencia da corrupción, cun 47,5%.
  1. As máis reducidas porcentaxes acontecen nos aspectos que afectan ao OUTRO: as guerras en xeral, 0.1%; o racismo, 0%; a inmigración, 3.3%; refuxiados, 0%.
  1. E poucos valoran como negativa a actual crise de valores, 2,1%.
  1. Estes datos son altamente preocupantes e amosan claramente o que estamos alertando, desde hai anos, as persoas non experimentan como propios a dor e o sofremento dos demais. Ninguén entende que todo é causado por unha terrible crise de valores que baleirou de contido mesmo conceptos como DEMOCRACIA, DEREITOS HUMANOS, SOLIDARIEDADE. O ensaísta Raffaele Simone reflicte moi ben no seu máis recente libro como “a democracia fracasa” cando o espectáculo nos hiperindividualiza como animais de consumo e lecer. Asistimos a unha ficcionalización da Democracia ao mesmo tempo que se baleira de efectividade e realidade aos principios que a definen.
  1. Non dicimos, loxicamente, que non sexa obvio que as persoas manifesten preocupación pola súa propia situación, mais si que nos chaman poderosamente a atención as cativas porcentaxes, mínimas ou nulas, que reciben aspectos que inciden na demouca dos valores que deben impregnar a Democracia.
  1. En primeiro lugar, chama a atención a mínima porcentaxe que esperta a actual situación de conflito e as guerras que devastan países africanos e de oriente medio coa acción cómplice das potencias occidentais. Contexto bélico que é o causante do éxodo de millóns de persoas que transitan á procura dun asilo, dun refuxio. Tránsito que causa a morte de milleiros de persoas no Mar Exeo e no Mar Mediterráneo, que está a piques de chegar ás 4.000 mortes (en realidade, homicidios).
  2. En segundo lugar, o racismo, que vive, ao que se vé, en estado silente e latente na nosa sociedade. E, non obstante, irradia a normativa estatal e o comportamento das actuacións encomendadas aos corpos de seguridade. Vive agochado nunha regresión permanente de dereitos das persoas migrantes, sometidas ao medo dunha irregularidade administrativa, quen de provocar unha deportación exprés. O racismo vive dentro das paredes dos novos campos de concentración do século XXI, os Centros de Internamento de Estrenxeiros (CIE’s). O racismo exprésase na existencia indisimulada dos voos de deportación. O racismo exprésase tamén no trato que se lle dispensa non só ás persoas migrantes, senón tamén ao colectivo de etnia xitana. O racismo vive nos comentarios ofensivos que se lanzan baixo o anonimato das redes sociais. E, non obstante, a ninguén lle preocupa a existencia deste racismo. Unha terrible carencia de empatía e solidariedade. Triunfa o individualismo que separa os elos que nos socializan como clase social. Por iso, cando un 3,3% aparece asociado á inmigración, estamos convencidos de que dita porcentaxe considera a inmigración comaun problema para si, isto é, o OUTRO visto como un risco para as condicións individuais de EGO.
  3. Por iso, nada pode ser máis desalentador, cando un observa como actúa a UE coas persoas que solicitan asilo e refuxio en Europa, como se mercadea coa vida humana e a cambio de diñeiro os Estados Membros permiten a expulsión colectiva desde Grecia a Turquía. Ignoramos que as persoas se xogan a vida para arribar ás illas gregas, como Lesbos. A expulsión colectiva vulnera o dereito internacional e converte en odisea de inferno e morte o dereito ao asilo. A OTAN mesmo dispuxo no Mar Exeo unha frota de 5 fragatas e máis de 10 navíos de guerra para “loitar contra os fluxos migratorios”, ao mesmo tempo que triunfa a Operación Tritón, de control de fronteiras no Mar Mediterráneo, que desde novembro de 2014 remprazou a Operación Mare Nostrum, que permitía o salvamento de persoas.
  4. A morte do neno Aylan Kurdi, na beira areosa dunha praia turca, sacudira as olladas mediatizadas no remate do verán do 2015 e animara un estourido espontáneo de solidariedade de administracións públicas e persoas. Sabemos que no Estado español só se reubicaron 18 persoas procedentes de Siria e outros países en conflito desde aquela, en Galicia ningunha. O estourido disipouse.
  5. A terrible cifra do 0% con respecto a quen vé como preocupante a situación das persoas refuxiadas amosa a deshumanización da escena social española e galega. O dato expresa a distancia terrible que separa a EGO do OUTRO. Unha distancia que permite, en consecuencia, a acción racista dos gobernos e os ascensos da extrema dereita. Unha distancia que repousa non só en falta de empatía, senón nunha indiferenza, odiosa como diría Gramsci, que en épocas anteriores foi a que permitiu a irrupción dos fascismos e a súa entrada nas institucións cos devastadores resultados que coñecemos.
  6. Ningunha sociedade será democrática se permite que o OUTRO estea a expensas de normas racistas, que teña que malvivir nas marxes da sociedade. A democracia e os seus valores morren cando as guerras, o racismo ou a situación das persoas refuxiadas non son quen de convulsionarnos. Temos que poder desfacer a rede que impón o pensamento hiperindividualista do neoliberalismo mediante a triple combinación das categorías da alienación (Marx), da autoexplotación (Byung Chul-Han) e da adhesión afectiva (Hunyandi) para introducirnos na resistencia e loita polos valores do internacionalismo solidario, a resolución pacífica dos conflitos, e a consideración dos Dereitos Humanos como único pasaporte dunha cidadanía universal.

 

Relacionados