Unidade de acción no ensino

 

As primeiras xa están a ter lugar nestes primeiros días de maio para confluír na folga en todo o ensino do Estado o día 22 de maio, que a nosa organización apoia e xa está a traballar na súa difusión, chamando a unha participación masiva diante dun ataque de destrución tamén masivo o ensino público.

 

Esquerda Unida – Os Verdes chama á unidade de acción na defensa do ensino público galego. Son tempos de defender na rúa o valor emancipador dun ensino público  gratuíto, universal, laico e ancorado na cultura do noso país, elemento de igualación social e dereito económico e social recollido na Constitución e no Estatuto, e que sofre unha constante agresión por parte dos gobernos do PP encabezados por Feijóo e Rajoy, que pretenden reducilo a unha posición ancilar ao respecto do ensino privado concertado e relixoso, verdadeiro cabalo de Troia en contra do ensino público.

 

A executiva nacional de Esquerda Unida considera que o acaído neste intre de loita social na defensa do ensino público é reunir todas as forzas políticas, sociais e sindicais nunha plataforma que sexa quen de coordinar  a contestación social cidadá. Xa que logo, chamamos a todas as organizacións sindicais, sociais e políticas do noso país, que comparten a defensa do ensino público como elemento que artella o dereito constitucional e estatutario á educación, a realizar todos os esforzos necesarios de xeito que todas as entidades nos agrupemos nun mesmo ámbito de organización  para defender un patrimonio común a todas nós.

 

Somentes a unidade resta como a ferramenta de combate dos defensores do ensino público. A división traballa en favor dos designios privatizadores e de recortes en persoal e recursos que propugna o PP. Non é tempo de protagonismos e si de unidade e traballo colectivo.

 

Neste sentido, a coordinadora nacional de eu, Yolanda Díaz, sinalou “todas as entidades que compartimos a defensa do ensino público temos que traballar xuntas para derrotar as privatizacións e os recortes do PP”.

 

A secuencia de recortes nos orzamentos do Estado e no RD Lei 14/2012 e as privatizacións que xa se están a producir no noso país esixen de todas e todos nós unha actitude unitaria, que depoña sectarismos e protagonismo, a prol do ben común que supón o ensino público. O PP pretende dinamitar o carácter integrador do ensino público mediante a vampirización dos insuficientes recursos que se adican ao ensino público, de xeito que este se reduza a atender ás capas traballadoras e migrantes con menos recursos económicos.

 

EU recoñece o valor fundamental que para o noso desenvolvemento como sociedade posúe un ensino público gratuíto, que artelle o dereito a educación para todas e todos no ámbito público, un ensino coeducador e que favoreza a igualdade, un ensino laico, libre de hipotecas relixiosas e un ensino achegado á realidade social e cultural do noso país: un ensino público para todas e todos require hoxendía dunha loita social unitaria. Todo o demais fire ese obxectivo que ten que ser común.

Relacionados