Universidade Vigo e a lei Wert

Os deputados Xabier Ron e Ramón Vázquez critican que se aprobe a aplicación do Decreto Wert de costas a toda a comunidade educativa universitaria e a porta pechada.

Santiago de Compostela, 22 marzo de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda lamenta que o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato de la Iglesia, decidira aprobar, de costas a toda a comunidade educativa e a porta pechada, a aplicación do decreto da Lei Wert que traerá máis precariedade para o ensino universitario público.

O grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda destaca que a aprobación suporá o despedimento de cerca duns 300 profesores o que repercutirá de xeito directo na calidade da ensinanza e suporá unha masificación das aulas, así como aumenta a precariedade laboral de todo o seu persoal.

O deputado Ramón Vázquez critica que, mentres que a Lei do Sistema Universitario de Galicia está en trámite parlamentario, o  Reitor da Universidade de Vigo renuncie a calquera posibilidade de loitar pola supervivencia da universidade pública galega, ante o acoso dos recortes perpetrados nos Orzamentos 2013 da Xunta de Galicia e ante as imposicións de Madrid.

Pola súa banda, Xabier Ron, compromete o traballo de AGE para que dita Lei represente unha firme defensa do ensino superior público de Galicia e manifesta o apoio a todas as mobilizacións que a comunidade universitaria galega está desenvolvendo para impedir o desmantelamento orquestrado da Universidade Pública Galega.

 

Relacionados