Uns cubren aos outros

Esquerda Unida considera que o PP non so defende a Paco Vázquez senón que tamén o fai cos promotores beneficiados do pelotazo urbanístico, demostrando que PP e PSOE teñen intereses comúns relacionados coa casta de poderosos que durante décadas camparon a súas anchas na nosa cidade. Non se pode explicar doutra maneira que non se esgoten todas as vías xurídicas para depurar responsabilidades e recuperar o patrimonio perdidos, cando conta cun informe técnico que desenmascara a inexplicable sucesión de eivas que provocaron unha perda patrimonial de 19,2 millóns euros do que ademais de beneficiarse promotores como Fontenla, tamén o fixeron diversas familias coruñesas que obtiveron beneficios millonarios, uns vendendo terreos ao concello que xa eran do propio concello, outros sacando pingues beneficios na permuta de terreos co ente municipal grazas a erróneas interpretacións de convenios por parte do Concello, como os 7 millóns perdidos no convenio coa familia Yordi Catoira.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera lamentable que PSOE e PP evitaran tan sequera debater que o concello se persoase como acusación particular nas dilixencias penais abertas polo xulgado contra Francisco Vázquez. Neste pleno observouse unha vez máis, como os partidos do réxime protéxense mutuamente e desenvolven patéticas escenificacións de desencontros, con fotos incluídas, de cara a confundir á opinión pública. So temos que recordar o informe xurídico que o PP achegou ao informe técnico que enviou a fiscalía, nunha acción que buscar o arquivo por parte da fiscalía e pechar en falso o caso Someso.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “hai que ter cara dura para argumentar a inacción e desdén na defensa dos intereses dos coruñeses, afirmando que o goberno municipal non actúa en base a obsesións dalgún grupo político”, cando o único que se pretende é achegar luz e dirimir responsabilidades dun caso que supera os 32 millóns de euros, o que representa máis do 12% do orzamento municipal que podería destinarse a servizos sociais para asegurar as condicións básicas de vida de todos os coruñeses e coruñesas e para loitar contra a lacra do desemprego, mediante a promoción da reactivación da economía produtiva.

César Santiso afirmou que “con este tipo de actuacións, non é de estrañar a desafección da cidadanía coa política, eu mesmo sinto asco e repugnancia diante destes feitos, así como da opacidade e manipulación mediática que están a exercer tanto PP como PSOE”.

 

Relacionados