Uso dos terreos desafectados por Defensa

As novas aparecidas nos medios de comunicación respecto ao uso que se lle pretende dar as propiedades dun convenio, que estivo soterrado ata o momento electoralista oportuno, son para Esquerda Unida unha falta de respecto ao poder de decisión e participación da veciñanza de Ferrol.

Jorge Suárez rexeita de plano que se dote de máis solo industrial a unha comarca que é testemuña da desertización industrial, como se demostra na inmensa dotación baleira nos Polígonos do Río do Pozo ou do Vilar do Colo, e propón o uso agrícola da

Estación de radio de Mandiá, enfocado no cooperativismo e nunha saída social e diversificada á crise estrutural do sector naval público, debido a falta de investimentos públicos e dun Plan estratéxico de calado par as factorías da Ría, actuación integral que podería contribuír a crear centenares de postos de traballo e redundaría na mellora da soberanía alimentaria co impulso de produtos agrícolas autóctonos. Afirma que levarán no programa electoral esta proposta e será unha das primeiras actuacións da lexislatura.

A lamentable concepción que da participación cidadá ten o goberno municipal, impide que os veciños e veciñas de Ferrol poidan ter participación no proceso de uso de solo público, para que unha decisión consensuada, aberta ao Consello da Veciñanza, sexa a que rexa o futuro uso de propiedades tan importantes como o Cuartel Sánchez Aguilera, espazo ineludible para unha actuación en dotación social que permita camiñar cara unha cidade compacta e sostible,  ou a mencionada Estación de radio de Mandiá.

Esquerda Unida considera insuficiente e gravoso o Convenio e traballará para que os terreos que defensa ocupa no Arsenal sexan de uso compartido, a fin de  que a concepción de Abril Ferrol ao Mar non se limite ao necesario derribo dun muro ou á construción dun ascensor panorámico. A fachada marítima dende o peirao carboeiro ata Caranza deben constituir un eixo vertebral de Ferrol, con zonas verdes, sendas peonís e carril-bici, sendo como é na actualidade o principal acceso á cidade, conceptos desbotados polo goberno municipal que segue apostando pola expansión descontrolada e un concepto anárquico do urbanismo.

Jorge Suárez quere denunciar a democracia de baixa intensidade que o Partido Popular quere aplicar para Ferrol, ao non ter en conta non só á veciñanza, senón ao órgano de decisión do Concello, anunciando antes de pasar polo pleno municipal os usos finais dos terreos desafectados por Defensa, previo pago de máis de medio millón de euros, por unhas propiedades que orixinaria e lexitimamente correspondían á cidadanía de Ferrol.

 

Por último, o candidato de Esquerda Unida, Jorge Suárez, e o coordinador local da organización, Suso Basterrechea, mantiveron unha xuntanza de traballo no día de onte cunha delegación do COAG, á que lle expuxeron ás liñas programáticas xerais de urbanismo e vivenda da organización, baseadas na transparencia, na sustentabilidade e na participación, no que se refire ao urbanismo, e na rexeneración e rehabilitación fornecedora de emprego e nos usos sociais da vivenda pública no tocante á vivenda, aspectos que serán desenvoltos e presentados á cidadanía na campaña electoral.

Relacionados