O Grupo Municipal de Esquerda Unida demanda ao Goberno Municipal que entregue os baixos radicados na praza de España para actividades de carácter público e social. Non hai motivo algún para manter sen ocupación dous espazos que poden rendir servizos a nosa cidadanía. É tempo de que o Goberno Municipal acorde un uso público e social deste inmobles xa, sen máis demora.
Os locais restan sen uso algún nun espazo céntrico cando poderían estar a prestar un servizo a nosa cidadanía. Xa no anterior mandato, EU avogara por facer dos baixos espazos para usos públicos e sociais, desbotando a proposta do Goberno do PSOE que quería adicar alomenos un deles a cafetería.
Doutra banda, EU reitéralle ao Goberno Municipal a esixencia de que se conxele o enésimo proxecto para a praza de España, que suporá ao final, de se realizar, un custo que se vai achegar ao millón de euros. “Cómpre facer no caso da praza de España un exercicio de austeridade e non enterrar preto dun millón de euros cando hai tantas necesidades importantes e urxentes desatendidas,” sinala a Voceira do Grupo Yolanda Díaz. Somentes o capricho do Goberno pdoe explicar a teimudez coa que defenden enterrar eses cartos na desventurada praza de España.
A formación política de esquerdas e ecoloxista saúda as iniciativas que no eido do asociacionismo cidadán están a amosar a súa radical oposición a un gasto innecesario e superfluo, cando a cidadanía de Ferrol se atopa sufrindo as consecuencias da grave crise económica e social causada polas políticas da globalización capitalista. Semella o intre para que calquera carto público se destine ás necesidades sociais máis perentorias e non aos caprichos urbanísticos do PP.