O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera que o goberno municipal demostrou a súa insolvencia coa súa incapacidade para executar a meirande parte dos investimentos orzamentados, a súa arrogancia obviando á cidadanía e axentes sociais, así como a súa ignorancia e impotencia para aplicar medidas para paliar a crise. O ano pasado augurábamos moito sufrimento para os coruñeses e coruñesas si o goberno municipal non cambiaba a súa política, desgrazadamente o PP non cambio e como resultado, agora, un de cada catro persoas atópanse en risco de exclusión social, no limiar da pobreza, o paro segue a medrar, incluso no Nadal, con 73 persoas en decembro máis de dúas persoas ao día, até alcanzar os 23.312 desempregados e desempregadas na Coruña. Así o desemprego durante o 2012 incrementouse en 1917 persoas un 9%.
Observamos con preocupación e tristura como o PP está a gobernar totalmente afastado da realidade, en lugar de centrarse nos problemas da cidadanía que non son outros que o desemprego e a situación económica, centra a súa acción de goberno no caduco modelo produtivo do ladrillo, o formigón e a especulación, así como nos festexos e espectáculos onde malgasta millóns de euros para agachar a súa incapacidade, mentres moitas familias coruñesas pasan auténticos apuros para darlles de comer aos seus fillos.
Pero independentemente desta incapacidade, o que consideramos máis grave e a súa arrogancia e prepotencia, ninguneando á veciñanza que non é da súa corda, como teñen denunciado unha grande cantidade de AAVV. como Os Rosais, Oza – Gaiteira – Os Castros, Castrillón, Atochas – Monte Alto – A Torre, Os Anxos – Birloque – San Cristobo das Viñas, Barrio das Flores, Ventorrillo… Esta arrogancia en ocasión raia o esperpento cando na procura de transmitir a falsa mensaxe de que apostan pola participación cidadá manipulan á opinión pública malgastando cartos en actos irreais que non son máis que pantomimas mediáticas, como o Foro Coruña Futura, a Xuntanza con AAVV. para que simplemente o alcalde se sacarse a foto.
Esquerda Unida valora negativamente a xestión de Carlos Negreira e considera o ano perdido, pois logo de todas as eivas descritas, desgrazadamente o PP negouse a dialogar coa oposición apesares do noso constante esforzo por acadar pactos que nos permitisen loitar contra o desemprego, aplicando medidas que promovan a reactivación económica e o benestar da veciñanza.
César Santiso, indicou que “espero que os nosos gobernantes comprendan a imperiosa necesidade de promover dende o público o cambio do modelo produtivo, porque até que este se produza non comezaremos a remontar a crise, desexo que de maneira participada todos os coruñeses e coruñesas representados por asociacións veciñais, axentes sociais, colexios especializados, sindicatos e partidos políticos, academos o consenso necesario para decidir que tipo de cidade queremos para vivir o noso futuro. Efectivamente estou a falar do deseño e desenvolvemento dun plan estratéxico, por certo outra promesa incumprida do PP, que favoreza a reactivación económica e a creación do emprego, acabando así co sufrimento que están a padecer milleiros de coruñeses e coruñesas.
Para Esquerda Unida o obxectivo está claro, promover a reactivación económica e o cambio de modelo produtivo para xerar emprego apostando por converternos nun referente como cidade da tecnoloxía, do coñecemento e da sustentabilidade. Para iso, xunto con políticas activas de emprego centradas en prácticas produtivas sustentábeis e economía verde, hai que desenvolver un servizo integral de apoio municipal a emprendedores que promova a competitividade dos nosos autónomos, PEME e cooperativas.
Asemade o Concello debe pular porque o goberno central desenvolva as infraestruturas necesarias para dotar ao porto exterior das comunicacións terrestres e por ferrocarril, así como coordinarse co Porto para potenciar o tráfico de contedores no porto interior de cara a converternos en líderes europeos o que xeraría miles de postos de traballo.
Por outra banda semella fundamental desenvolver un plan de turismo que defina con claridade rutas turísticas na nosa cidade e, unha vez definidas, en coordinación co pequeno comercio e a hostalería, nutrila de oferta de consumo para os turistas, porque debemos incrementar o impacto económico dos visitantes na nosa cidade que na actualidade é moi pobre por non ter definida e focalizada a oferta. Temos que ser quen de sacar rédito económico do espectacular incremento do turismo de cruceiros na nosa cidade e conseguir que A Coruña sexa punto de saída ou chegada de cruceiros o que permitiría incrementar exponencialmente o impacto económico por cruceirista.
A nivel global, Santiso desexou que o 2013 sexa o ano do espertar definitivo da cidadanía, o ano da vitoria da democracia sobre a ditadura dos mercados que están a cercenar os dereitos e liberdades da maioría. En definitiva, que entre todos e todas sexamos capaces de facer que a economía estea ao servizo do home, e non o home ao servizo da economía como está a acontecer.