Valoración datos do paro

 

 

España espertou cuns datos no mes de decembro de 3.923.603 desempregados, Galiza cun total de 222.839 fronte os 216.828 do mes de novembro, sendo a súa distribución por provincias: 89.594 na Coruña, 87.209 en Pontevedra, 24.868 en Ourense e 21.168 en Lugo. Compre recordar que os parados en formación non computan.

 

Estes datos, que supón máximas históricas tanto na Galiza como no Estado español, seguen a confirmar as previsións da EUROSTAT (oficina comunitaria de estatística) nas que situaba a España como o último pais en saír da crise, un de cada cinco parados da UE é español prognosticando unha taxa de paro do 20%. O que ven a demostrar o fracaso das políticas económicas neoliberais, máis acusadas na Galiza co Goberno do PP, un partido que o primeiro que fixo foi poñer soldos case quince veces superior o Salario Mínimo Interprofesional aos seus cargos públicos, e impediu a derrogación dos pluses aos altos cargos.

 

Esquerda Unida considera que a política económica do PP, baseada na privatización, o populismo e a demagoxia, atópase cada vez máis afastada da realidade. O Goberno de Feijoo vese incapaz de atallar a crise e manter o tecido produtivo como o demostra o feito da destrución do emprego nas provincias da Coruña e Pontevedra, síntoma moi preocupante que non fai máis que anunciar o caos económico no que se atopará a nosa comunidade no segundo semestre do ano 2010. Como exemplo do desgoberno basta salientar que a Xunta do PP está a conceder subvencións con cartos públicos, e dicir de todas e todos, a empresas que fabrican fora de Galiza ou do Estado español, práctica que lonxe de favorecer a creación de emprego pon en desvantaxe as empresas que están a contratar a traballadoras e traballadores na Galiza.

 

Unha vez máis chamamos aos sindicatos para que se mobilicen na defensa dun emprego digo e de calidade, xa que logo os traballadores e traballadoras non poden vivir de subvencións e necesitan solucións a curto prazo, en contra da privatización, pois agora máis que nunca faise necesario a defensa do público como ferramenta para saír da crise de maneira social e solidaria, e a prol do cambio de modelo económico, xa que necesitamos un novo sistema baseado no decrecemento sostible a través do control democrático da economía que transcenda ao actual que amosa claros síntomas de esgotamento e ten demostrado sobradamente a súa ineficacia para desenvolverse sostiblemente tanto no eido do social como en relación co medio natural.

 

Esquerda Unida invita as organizacións sindicais a incluír nas súas propostas a xornada de 35 horas sen redución salarial e a eliminación das horas extras como medidas xeradoras de emprego e de aumento da produtividade dos traballadores e traballadoras ao permitirlles mellorar a súa conciliación da vida laboral, familiar e persoal.

Relacionados