Valoración datos do paro en xullo

Esquerda Unida alégrase do descenso do paro na Coruña aínda que lamenta que o faga tan so a metade que a media galega. Sempre hai motivos para alegrase cando o desemprego descende pois supón un alivio para as familias traballadoras que algún dos seus membros atopa emprego, así aconteceu neste mes de xullo na Coruña onde 572 coruñeses e coruñesas abandonaron as listas do paro que descenderon un 2,45% respecto o mes anterior. Este dato contrasta coa media galega onde o desemprego baixou un 4,51%, case o dobre que na nosa cidade, tamén na provincia e na comarca o descenso foi moi superior cun 4,34% e un 3,08% respectivamente, aínda que aquí as cifras da nosa cidade repercuten fortemente no dato definitivo, lastrándoo.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “dende que chegou Negreira a María Pita o paro subiu en 2.746 persoas, un incremento do 14%. Cando ten pensado aplicar medidas para promocionar a económica local?”, así as persoas desempregadas pasaron de 20.000 a 22.746 en pouco máis de dous anos, o que supón unha media de preto de catro parados ao día dende que o PP goberna a nosa cidade.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes propón a creación dun Servizo Integral de Apoio Municipal a Emprendedores (SIAME) para dinamizar a actividade económica en base a potenciar Peme, autónomos e cooperativas. Unha ferramenta efectiva que pretende cubrir as necesidades básicas ás que se enfrontan os emprendedores, para que podan centrar o seu esforzo na súa actividade produtiva sen perder o tempo en outras actividades auxiliares necesarias para manter a actividade e rachar así coa barreira burocrática que na practica desaléntea a moitos emprendedores a iniciar unha actividade e bloquea aos que xa a están a desenvolver.

Así, mediante unha taxa que cubra custos de xestión o Concello xestionaría mediante recursos propios e convenios con empresas locais a prestación de servizos administrativos, das TIC (informáticos e comunicacións), de loxística, de asesoramento contable, laboral ou tributario e o acceso a oficinas administrativas en réxime compartido.

 

O SIAME pretende ser un alicerce para promover o cambio do modelo produtivo local e acadar maior capacidade competitiva das nosas empresas, xa que logo, aglutinará a distintos departamentos municipais como os servizos desenvolvidos polos técnicos de emprego, o viveiro de empresas, as políticas activas de emprego, comercio, turismo, formación, contratación e outros relacionados que na actualidade actúan de maneira independente. Con esta reestruturación actuarase de maneira sinérxica e coordinada, ofertando ao tecido produtivo local unha solución baseada nos criterios desenvolvidos polos expertos da economía do ben común, de Responsabilidade Social Corporativa (RSC), da sustentabilidade do peak-oil, para que as nosas empresas señan menos dependentes do petróleo, máis competitivas, xeren emprego sustentable de calidade e xeren riqueza local.

Relacionados