Valoración datos paro

 

 

César Santiso indicou que “apesares de ser un mes de descenso xeneralizado do desemprego, na Coruña incrementouse nun 1,71% con 400 novos desempregados, 400 novos dramas familiares”, dato que contrasta coa redución de 1000 desempregados no conxunto de Galiza. Os pésimos datos da nosa cidade lastran tamén a provincia coruñesa que incrementou o desemprego en 70 persoas, o que ven a supoñer que se reduciría o paro en 330 persoas sen contar cos datos da nosa cidade. O meso sucede na comarca onde o incremento do 1,28% do desemprego é atribuíbel, de novo, Á Coruña xa que descontando as persoas desempregadas coruñesas, o paro reduciríase a 79 persoas.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes denuncia que dende a chegada do PP a María pita o desemprego incrementouse case un 20% debido á falta de iniciativas en canto a políticas activas de emprego. Así, os alarmantes datos do desemprego que estamos a recibir mes tras mes na nosa cidade e que neste último ano condenaron ao paro a case 4.000 coruñeses e coruñesas, son a consecuencia directa das políticas aplicadas polo goberno local, como a eliminación de 300.000 euros destinados a impartir cursos de formación para desempregados, realizada no segundo modificativo aprobado, co voto en contra de EU-V, a finais do ano 2011 ou a incapacidade de executar un terzo dos fondos destinados para fomento do emprego.

 

Esquerda Unida denuncia a inacción e soberbia do goberno municipal en relación coas políticas de reactivación económica, incapaz de executar un terzo dos fondos destinados a políticas destinadas a comercio, PYME e turismo, mentres o noso tecido produtivo cambalease como demostra o feito que o sector da industria, un mes máis segue a ser o que presenta maior desemprego, incrementándose un 3,04% respecto ao mes anterior, porcentaxe que duplica o incremento acontecido no mes anterior. Diante desta situación de emerxencia urxe aplicar medidas tendentes a apoiar ao tecido produtivo local. Neste sentido EU-V mostrou o seu compromiso coa cidadanía propoñendo un grande pacto institucional polo emprego e a reactivación económica local do que non recibiu resposta do Goberno municipal, ao igual que tampouco a recibiu das distintas propostas que anunciamos como a creación dun Servizo Integral de Apoio a Emprendedores (SIAME), o plan de turismo comarcal, o plan para reactivar o agro na bisbarra coruñesa, o plan para liderar o transporte marítimo de contedores entre América e Europa ou o plan  para reactivar o turismo local, mediante a creación de rutas turísticas locais que permita rendabilizar o incremento de cruceiristas creando rutas turísticas que estimulen o consumo dos turistas nos establecementos da cidade grazas a ordenación da oferta en base as ditas rutas.

 

En definitiva o Goberno do PP amosase incapaz de aplicar medidas, pero négase a aceptar propostas construtivas como as de Esquerda Unida que permitirían xerar miles de postos de traballo, con todo Esquerda Unida – Os Verdes considera necesario que os partidos políticos que forman parte da corporación coruñesa inicien un debate construtivo e sereno que permita consensuar algunhas medidas destinadas a frear o galopante incremento do desemprego.

 

Santiso lembrou que o SIAME pretende ser unha ferramenta efectiva para autónomos, PEMES e cooperativas, cubrindo as necesidades básicas ás que se enfrontan os emprendedores, para que podan centrarse na súa actividade produtiva e así rachar coa barreira burocrática que na practica impide a moitos realizar a súa actividade. Así, mediante unha taxa que cubra custos de xestión o Concello xestionaría o acceso a oficinas, e a prestación de servizos administrativos, informáticos, de comunicacións, de loxística, e asesoramento contábel, laboral e tributario. Polo que o dito servizo favorecería a reactivación económica local, a creación de emprego estábel de calidade e o cambio do modelo produtivo cara un máis sustentábel e menos dependente do petróleo”, ao establecer ditas premisas como requisito de acceso ao servizo xunto cun estudo favorábel sobre a viabilidade económica (desenvolvido pola propio SIAME). Así, as nosas empresas melloraran a súa competitividade diante dun escenario de escaseza do petróleo e constante suba de prezos da enerxía.

Relacionados