Valoración 2 anos de EU no concello

Os dous anos de traballo na corporación coruñesa abalan a capacidade de xestión e traballo de Esquerda Unida, converténdonos en alternativa real de goberno ao bipartidismo. A veciñanza está a observar como con dedicación, perseveranza e traballo, un so concelleiro está a desenvolver unha intensa actividade de control e inspección da labor dun goberno municipal formado por 14 concelleiros. Non so denunciamos a falta de ideas do goberno municipal, as súa políticas erróneas ou o seu déficit de xestión cun paupérrimo índice de execución peresupostaria, ou como fan outros, senón que fixemos un concienzudo traballo para denunciar as eivas en canto á recadación aos poderosos onde o concello ten 60 millóns pendentes de cobro, os chanchullos urbanísticos que favorecen os intereses das grandes promotoras, as externalizacións de servizos con contratos claramente lesivos para o concello como o da ORA, a grúa ou a Compañía de Tranvías. Tamén fixemos seguimento e o control sobre a calidade dos servizos á cidadanía, denunciando eivas cando existían até que conseguimos que se resolvesen, como no caso de Valoriza cando levaba a Axuda a domicilio de dependentes.

Ao tempo desenvolvimos unha oposición leal e construtiva, baseada na proposición o diálogo con preto de 300 iniciativas na defensa dos colectivos afectados por esta crise, con propostas claras e pragmáticas para reactivar a economía local e xerar emprego a través do cambio do modelo produtivo, propostas que curiosamente agora abraza Coruña Futura. Tamén fixemos un importante traballo para incrementar a transparencia municipal, algo fundamental para evitar o malgasto e a corruptela, así como para gañar en calidade democrática. Lamentablemente o PP obvio as nosas propostas, propostas que nos comprometemos a sacar adiante no momento que teñamos capacidade de influencia no goberno.

Asemade non dubidamos en negociar e acadar acordos co goberno municipal cando estes eran beneficiosos para a cidadanía como fixemos nas primeiras ordenanzas fiscais, na ordenanza de rehabilitación ou na de emerxencia social.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes subliña a súa labor de correa de transmisión entra a cidadanía e o concello, sempre coa maioría social, cos máis desfavorecidos, cos desempregados, cos desafiuzados, cos movementos sociais, co movemento veciñal, cos estudantes, cos sindicatos. Debido ao noso intenso traballo na rúa percorrendo os barrios da cidade e participando en todos os conflitos sociais e a nosa decidida aposta pola participación cidadá para empoderar á cidadanía a través de asembleas de barrio e iniciativas plenarias, provocamos que o goberno municipal teña que escoitar á veciñanza e mesmo que outros partidos que levaban décadas atrincheirados en María Pita tiveran que saír a rúa. En definitiva instauramos un nova forma de facer política que obriga ao resto de partidos a modificar a súa praxe, algo que non cabe dúbida beneficia ao pobo.

César Santiso, indicou que “a nosa chegada a María Pita supuxo un punto de inflexión na política municipal. Demostramos que outra política é posible cumprindo coa cidadanía, facendo o que dicimos e actuando con capacidade, ética, honestidade e coherencia”. Os coruñeses e coruñesas merécense outro tipo de xestión municipal, porque PSOE e PP teñen demostrado en numerosas ocasións que están do lado dos capital, so hai que observar a política urbanística duns e outros, sempre apoiando aos poderosos como Fontenla, entregando os servizos públicos en mans privadas por motivos espurios, perdoando débedas a concesionarias municipais e promotoras urbanísticas. A nivel Estatal basta con lembrar os pacto entre PPSOE para modificar a constitución de costas a cidadanía, para poñer aos bancos por riba das persoas, os recortes salvaxes do PP ou que a etapa de Zapatero foi a de maior incremento de desigualdade.

 

Relacionados