Valoración desemprego de outubro

Esquerda Unida considera que o incremento do paro e o reflexo da incapacidade do goberno local en materia de reactivación económica. Así durante o mes de outubro 300 persoas engrosaron as listas do paro a nunha media de 10 diarias até chegar aos 23.224 parados e paradas. Así a crúa realidade desminte o falso optimismo amosado polo goberno municipal ao longo deste ano, pois mentres no conxunto do Estado o paro descendeu en relación co ano pasado, na Coruña incrementouse nun 1,29% o que demostra que a cidade segue a afundirse diante da inacción do executivo de Carlos Negreira, incapaz de atender as diferentes necesidades do tecido produtivo provocando que dende a súa chegada o paro incrementouse en 3224 persoas.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes propón un paquete de medidas de estímulo proporcionáis á contratación para PEME, autónomos e cooperativas así como a creación do Servizo Integral de Apoio a Emprendedores (SIAME). Ferramenta efectiva para autónomos, PEME e cooperativas, xa que pretende cubrir as necesidades básicas ás que se enfrontan os emprendedores, para que poidan centrar o seu esforzo na súa actividade produtiva. Así, mediante unha taxa que cubra custos de xestión o Concello xestionaría mediante recursos propios e convenios con empresas locais a prestación de servizos administrativos, de asesoramento contable, laboral ou tributario, das TIC (informáticos e comunicacións), de loxística, de apoio a innovación así como as propias oficinas administrativas.

O 75% do desemprego neste mes provén do sector servizos, concretamente 225 persoas, polo que semella fundamental articular medidas para evitar o esmorecemento do pequeno comercio, polo que propoñemos que EMVSA xestione un banco de aluguer de locais a prezo xusto, para liberar aos propietarios de toda carga de xestión, ademais de cubrir os posibles impagos dos arrendados e co compromiso de, unha vez rematado o contrato, devolver o local en igual o mellores condicións a cando se entregou. Esta medida evitaría que a cidade sega a converterse un deserto improdutivo cheo de locais baleiros, permitindo unha mellor adaptación dos locais. Medida que se complementaría a aplicación de estímulos económicos destinados a que os comerciantes poidan competir coas grandes superficies en contías proporcionais aos postos de traballo xerados, o compromiso na promoción de produtos locais e a redución de prezos de produtos e servizos á veciñanza para estimular a demanda en xerar riqueza local.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o incremento do paro nun 7,7% no sector da construción en relación co ano pasado amosa que o investimento en ladrillo e formigón non é rendible en termos de creación de emprego, e deixa ao descuberto a errática política do goberno municipal que centrou neste sector a meirande parte do investimento”.

 

César Santiso subliñou que “este goberno municipal gasta en ladrillo, festexos e propaganda pero non aplica ningunha medida de estímulo real para os que non son amigos ou grandes empresas”.

Relacionados