MOBILIZACIÓN MULTITUDINARIA E SEGUIMENTO MASIVO DO PARO conforman a ecuación que deslexitima a uns gobernos orfos de lexitimidade, toda vez que impoñen políticas que non levaban nos seus programas electorais.
EU valora como un fito extraordinario na concienciación da nosa cidadanía o masivo seguimento do 14 N realizado por múltiples colectivos: traballadoras e traballadores, estudantando, pensionistas e pequeno comercio local, que unha vez máis asumiu esta mobilización e respostou solidariamente. Todos xuntos, o pobo traballador unido, imos derrotar aos secuaces de banqueiros, defraudadores e grandes empresarios.
Os datos da mobilización do 14N semellan incontestables e deixan espida esa teimuda obediencia do PP aos poderes capitalistas, mercados, banqueiros e defraudadores que sen ser elexidos marcan as políticas de Feijóo e Rajoy. Os preto de dez millóns de persoas traballadoras que secundaron esta folga malia as chantaxes empresariais e as mentiras e coaccións do goberno ( violencia policial mediante ) vense refrendadas nos datos de consumo eléctrico que o goberno central manexa interesadamente sen contabilizar dúas circunstancias clave: respecto á ultima convocatoria de paro xeral temos un millón de persoas máis no paro ou o que é o mesmo unha menor actividade económica; e as temperaturas en novembro producen un maior gasto enerxético en empresas e fogares en termos como as da calefacción.
Esquerda Unida considera que a mobilización do 14N marca as claras a vontade deste pobo traballador de manter e ampliar a loita social se non se produce unha fonda rectificación do PP, rectificación que alomenos supoña a convocatoria dun referéndum sobre as políticas acaídas para conquerir a saída da crise.
O referéndum supón hoxendía o único mecanismo que lle resta ao PP para non xerar unha situación claramente antidemocrática: un goberno que destroza dereitos cun programa de acción non validado nas urnas.
Esquerda Unida salienta a verdadeira maré social que onte encheu as rúas de Ferrol contra as políticas dos recortes e das variadas violencias que enchen a axenda gubernamental contra a maioría social traballadora deste país. Na loita compartida por outra política alternativa atópanse os alicerces dunha saída social e democrática á crise capitalista.