Valoración do pleno do Concello

Esquerda Unida non presentou reclamacións ao expediente de modificación de crédito porque entendíamos que non se producía a cobertura legal necesaria xa que a lexislación é moito máis restritiva na aprobación de orzamentos anuais e modificativos de crédito, onde non se admiten suxestións, achegas ou valoracións de tipo político como sucede no resto dos procedementos, como por exemplo nas ordenanzas municipais.

Ningunha alegación das presentadas aceptouse, xa que logo nada cambiou dende o mes de xuño cando nos opuxémonos con rotundidade a aprobación inicial do sexto modificativo do mesmo partido político que cando estaba na oposición chamaba chapuceiros aos anteriores gobernos por utilizar esta mala praxe. Mais si chapuceiro era o PSOE, chapuceiro tamén é o PP que acredita unha media de tres modificativos por ano. Semella razoable que ao longo dun exercicio poida ser necesario reaxustar o orzamento inicial, pero facelo tres veces é de ineptos. Xa anunciamos cando a aprobación dos orzamentos que se atopaban totalmente afastadas da realidade, agora con este modificativo o PP dannos a razón.

Que os que presumen de grandes xestores, presenten semellante proposta a metade do seu mandato, semella unha aberración. Preto da metade dos 10 millóns de euros do  modificativo destínase a recoñecementos extraxudiciais de obrigacións, é dicir para pagar facturas de caixón xeradas debido a súa deficitaria xestión. Outra vez fan no goberno o mesmo que criticaban cando estaban na oposición. É aínda por riba teñen o valor de publicitar que o modificativo ratifica os orzamentos máis sociais da historia.

O PP sigue a confundir políticas sociais con beneficiencia que é o que aplica neste modificativo incrementando as subvencións a dedo en preto de 400.000 € mentres que o fai tan so 60.000 € para emerxencia social, e dicir que aplica preto de 7 veces menos importe a políticas públicas sociais que a convenios nominativos. Dedicando un so euro de cada 167 a emerxencia social, e teñen o valor de publicitalos como os máis sociais.

Cero euros a políticas activas de emprego, cero euros a reactivación da economía local, cero euros a promover o cambio do modelo produtivo, iso si máis de 2,2 millóns para festexos e turismo. Continuamos coa política do pan e do circo, aquí si que son grandes expertos, a xente está a sufrir e pasar fame, pero vostedes seguen ao seu, é dicir as festas, as fotografías e aos titulares. Con esta actitude e maneira de facer política, non se estrañen que o seu mandato sexa coñecido como o da Coruña das pandeiretas.

É triste, máis é real, agora que resulta fundamental centrar o esforzo presupuestario en investimentos para promover a reactivación económica, este modificativo fai exactamente o contrario, os reduce e de maneira significativa. A propia intervención municipal alerta do descenso do investimento real neto de 1,8 millóns de euros. Por outra banda o déficit presupuestario relacionado coa subvención á Compañía de Tranvías, o que demostra con claridade como o PP presuposta de costas a realidade pois ten que dedicar 2,7 millóns para subvencionar o bus cando o número de pasaxeiros descendeu neste período. É dicir que o goberno municipal infradotou esta partida con alevosía nos orzamentos do 2013 nun claro fraude a veciñanza. Porque o presuposto non só se trata dunha obriga contable e xurídica, senón que ten un claro compoñente político onde deben quedar reflectidas as prioridades de gobernnaza. Así o PP amosa que non ten en conta as necesidades dos cidadáns e que reasigna o presuposto sen unha xustificación axeitada.

Son vostedes conscientes de que están a facer xusto o contrario do que recomendan os economistas do Banco Mundial, que propoñen abandonar o modelo do ladrillo e o turismo. Recórdolles que o Banco Mundial é un referente das políticas neoliberais que vostedes defende e aplican.

Este modificativo non so non corrixe as eivas do orzamento en materia de reactivación económica senón que profunda nelas ao no dedicar nada a promoción económica e xeración de emprego. continúa coa mala praxe de centrar o esforzo inversor do concello no IMCE e no Consorcio de Turismo, organismos de máis difícil control por parte da oposición. Con este novo incremento, nuns orzamentos xa de por si tremendamente enchidos nestes conceptos, semella que o goberno municipal ten pensado tirar a casa pola fiestra nos vindeiros festexos para intentar ocultar a súa incapacidade para desenvolver políticas destinadas a paliar a crise.

PETICIÓN DE CESIÓN AO MINISTERIO DE FOMENTO DA TITULARIDADE DO TRAMO DA ESTRADA AC12 COMPRENDIDO ENTRE O HOSPITAL MATERNO INFANTÍL E AS INMEDIACIÓNS DO CENTRO ONCOLÓXICO (Voto a favor)

APROBACIÓN DEFINITIVA ORDENANZA DE VERTIDOS (Voto a favor)

En primeiro lugar non so queremos felicitar ao goberno municipal pola decisión de elaborar unha ordenanza para a regulación dos vertidos, senón que saudamos a vontade da concellería de medio ambiente para mellorar a norma e a capacidade amosada, nesta ocasión, para dialogar.

Hoxe superamos un dos moitos déficits en materia medioambiental que ten este Concello, a norma que se trae a aprobación, ao incorporar o noso voto particular, permite avanzar na procura do peche do ciclo do auga. Aínda que ao noso entender o texto normativo é claramente mellorable, logo dun proceso negociador, conseguimos incorporar a execución dun plan anual de inspección e mecanismos de transparencia. As dous principais eivas que presentaba esta ordenanza, tras a súa aprobación inicial.

O plan de inspección semella fundamental para incrementar o control sobre os vertidos, a súa inclusión confire pragmatismo á ordenanza, porque as normas non se cumpren se non se desenvolven los mecanismos de control axeitados, así a inspección desenvolverá un papel fundamental para evitar que esta norma quede en papel mollado, como acontece en demasiadas ocasións. Porque coa mera publicación da norma no se consigue evitar os vertidos contaminantes, senón que require de esforzo e determinación constante, agora dotámonos da ferramenta axeitada para facelo.

A transparencia é necesaria para outorgar confianza á cidadanía, si a veciñanza ten acceso a información, esta pode facer a súa propia labor de intervención e avaliar a execución da ordenanza, os riscos aos que está exposta e coñecer as empresas infractoras. Isto é afondar en democracia e en participación, por iso era necesario incorporar ferramentas que permitan á cidadanía o acceso aos datos.

Dicía anteriormente que o texto era claramente mellorable ao noso entender, por iso presentamos no seu momento 29 alegacións. aínda que algunhas foron aceptadas directamente polo goberno local, consideramos que no era ni moito menos suficiente para acadar un texto normativo garante da calidade das nosas augas e, xa que logo, do noso medio natural.

Durante as negociacións, aceptamos os argumentos esgrimidos pola concellería de medio ambiente en canto aos mecanismos sancionadores no sentido de manter os grados de sanción co compromiso dende a concellería de medio ambiente de aplicar multas coactivas continuadas para evitar ningún tipo de picaresca que permítese ás empresas contaminantes saíralles máis rendible pagar sancións que verter segundo normativa.

Nos preferíamos incrementar os ditos mecanismos tal e como recollíamos nas nosas alegacións, asemade consideramos que ao incluír as nosas alegacións acadaríamos maior control e transparencia. Pero soubemos ceder para acadar un acordo que permitise aprobar un texto superador ao inicial.

E o fixemos pensando na veciñanza e no medio ambiente, non en mesquindades partidistas, porque tal e como prometemos en campaña electoral, Esquerda Unida chegou ao Concello da Coruña coa firme determinación de facer unha oposición intensa e forte pero ao mesmo tempo leal, construtiva e propositiva, convencidos que outra política era posible.

Unha vez máis demostramos a nosa capacidade de diálogo e disposición para colaborar e chegar a acordos en aqueles temas que benefician á cidadanía, coas nosas achegas dotamos á ordenanza de saneamento da capacidade necesaria para ser unha ferramenta útil no coidado do medio natural e loitar contra as empresas que por lucro contaminan as nosas augas”.

O incrible é que este concello, que se di moderno e avanzado, aínda non o tivera en pleno século XXI unha ordenanza de vertidos, unha clara eiva dos goberno anteriores. Neste sentido votamos en falta que na introución legal non se faga a máis mínima mención aos sucesivos atrasos e apercibimentos en relación co saneamento das augas da nosa cidade e da nosa bisbarra.

MOCIÓN CONDENA DO TERRORISMO

A posición de Esquerda Unida en canto o terrorismo e clara e sinxela, rexeitamento absoluto. Para EU o terrorismo é unha estratexia errónea, inútil e antidemocrática. Sempre defendemos un estado democrático, social e de dereito, no que obviamente non ten cabida o terrorismo, por iso sempre participamos e participaremos en todos os pactos dos demócratas contra o terrorismo.

Galicia ten máis de 260.000 parados e paradas, sufre un proceso de desmantelamento dos servizos sociais, da sanidade, unha emigración xuvenil a piques de converterse en endémica, serios problemas medioambientais, bolsas de pobreza e agora de fame impensables fai 5 anos, diante desta situación pretender utilizar o terrorismo como arma arroxadiza para obter réditos políticos semella profundamente indecente.

Os datos do CIS demostran que nestes momentos o terrorismo, para a cidadanía,  non é un problema nin no Estado, nin moito menos na Galiza. Pretender axitar a pantasma do terrorismo como cortina de fume é inmoral. Semella que o PP quere, co medo, borrar das mentes dos galegos e galegas o seu presunto financiamento ilegal que está a destapar o caso Bárcenas ou as fotos de Feijoo xunto cun narcotraficante, grave erro, ninguén vai a esquecer, nin esas actitudes, nin esas fotos, nin esas amizades perigosas.

Este tipo de actitudes amosan a catadura moral de quen as desenvolve. Noutras ocasións funciónolles ben o de inculcar o medo á cidadanía co terrorismo, pero agora NON, o pobo esta canso de tanta mentira e manipulación, canso de tanta demagoxia e populismo, non se deixará enganar de novo. BASTA XA!

Tampouco serviralles a estrataxema de tentar incorporar baixo o paraugas do terrorismo a calquera protesta ou mobilización social, como xa están a facer coas protestas de Stop Desafiuzamentos, por citar un movemento activo nas rúas coruñesas, que está a ser perseguido polas forzas do orde e penado polas autoridades.

Non señores do PP, por moito que se empeñen o terrorismo xa non é un problema social, no lo é no conxunto do Estado, menos para o pobo galego, moito menos para a veciñanza coruñesa.

En Esquerda Unida sempre loitamos e loitaremos contra o terrorismo, pero o que non imos facer é participar nesta indecente e inmoral pantomima do Partido Popular, non seremos a súa coartada para desviar a atención dos verdadeiros problemas que teñen os galegos e galegas, xa que logo, co permiso da presidencia abandonarei temporalmente o Pleno no momento da votación da súa moción porque, por respecto ás vítimas do terrorismo e aos seus familiares, négome a participar neste diabólico, populista e demagóxico xogo, que traen á casa de todos os coruñeses e coruñesas. Recapaciten, debería caérselles a cara de Vergoña.


Primeira Pregunta Oral: Considera o goberno municipal que está desenvolvendo as políticas apropiadas para a implantación dunha mobilidade sostible?

As principais cidades europeas, as máis avanzadas e modernas como Amsterdam ou París, utilizan masivamente as bicicletas, convertendo este método de transporte nunha alternativa viable ao tráfico rodado de vehículos a motor. Non é o caso da Coruña

Apesares de que nos últimos años, en parte grazas a actividade de EMVSA, incrementouse o uso de bicicletas, a súa utilización como medio de transporte non deixa de ser anecdótico. O deseño da cidade non foi concibido para a súa promoción e as iniciativas municipais brillan pola súa ausencia.

Xa que logo, Esquerda Unida aposta por promover e fortalecer o servizo de aluger de bicicletas que presta EMVSA, aumentando o número de estacións ata cubrir a totalidade da cidade de modo de que en cada barrio, a lo menos, exista un punto de aluguer.

Por outra banda propoñemos incrementar o servizo ofertando, tamén, bicicletas que incorporan un pequeno motor eléctrico que poidan utilizar os ciclistas como axuda.  Con esta medida moitos usuarios que agora non utilizan o servizo por motivos físicos, se atreverían a facelo. Este modelo de bicicletas tería un prezo de aluguer lixeiramente superior para cubrir os custes de recarga eléctrica da batería, así como das estacións especiais onde recargarse.

A bicicleta é un modo de transporte económico, sustentable e eficaz. Dende o concello podemos aplicar moitas medidas para promover o seu uso como por exemplo aproveitar as vías anchas para incorporar zonas de carril bici”. Un modelo que funciona en cidades como París que permite obter un uso das calzadas que teñen un ancho superior ao convencional que se infrautiliza, como acontece en moitas estradas coruñesas.

Outras das medidas que podemos aplicar, con independencia das medidas propias que esperemos desenvolva o plan de mobilidade sostible que se está a deseñar, é a instalación de aparcadoiros de bicicletas cubertos gratuítos ao carón das estacións de aluguer para que os usuarios dispoñan en todos os barrios de zona segura de aparcamento, medida que lle outorga un plus de flexibilidade aos usuarios.

En definitiva trátase de aplicar un compendio de medidas que promovan a utilización da bicicleta como medio de transporte a la espera de que o deseño e desenvolvemento do plan de mobilidade sostible centre os seus esforzos na promoción deste método de transporte alternativo.

En todo caso consideramos fundamental que o goberno municipal escoite ás asociacións de usuarios de bicicletas como Masa Crítica, así como aos distintos grupos ecoloxistas.

Segunda pregunta oral: Considera o goberno municipal que está desenvolvendo as infraestruturas necesarias para promover a implantación de hortas urbanas na cidade?

A mediados de xullo as hortas comezan a dar os produtos de verán, os hortelanos xa están a recoller colleitas de xudías, leitugas, acelgas, cabaciños, pementos… mentres na Coruña, xa pasada a metade da lexislatura, seguemos a esperar polas hortas urbanas.

Esquerda Unida denuncia que debido ás eivas e parálise do goberno municipal as hortas urbanas seguen sen ser unha realidade. Efectivamente a finais do ano pasado o goberno local sacou a concurso, outra vez máis polo desaconsellable e pouco ético procedemento negociado, a contratación das obras comprendidas no proxecto de construción e acondicionamento de “Hortas de Lecer” no Barrio de Novo Mesoiro. (O-16/2012) por un importe de 171.849 €, unha cantidade ao noso entender totalmente desproporcionada para os escasos 8309 m2 de terreo a acondiconar. O prazo de presentación de proposicións finalizou o 21 de decembro de 2012.

Así, mentres a apertura da documentación técnica realizouse o 22 de xaneiro de 2013, a apertura da documentación económica non se fixo até o 5 de xullo, é dicir máis de medio ano perdido por mor, disque, dun error detectado na aplicación do IVE.

Gustaríanos saber cales son as verdadeiras razóns de que un ano máis segamos sen hortas urbanas municipais, apesares da importante demanda social que suscitan, porque a argumentación esgrimida no perfil do contratarante sobre eiva do IVE non sustenta un atraso tan grande. En definitiva en lugar de ceder os terreos inmediatamente á veciñanza para que poidan traballar a terra o PP perde preto dun ano para agasallar a empresas “amigas” con 171.849 €.

Apostamos pola creación dunha rede de hortas urbanas ecolóxicas nos espazos verdes municipais infrautilizados abandonados, ou degradados para que a veciñanza poda traballalos”. Así, ademais de ofertar unha actividade alternativa de lecer, deporte e contacto coa natureza, como a horticultura, posibilitase ás persoas máis necesitadas unha fonte adicional de recursos, precisamente facilitando o acceso a alimentos vexetais perecedoiros que son os que menos subministran as ONG e os bancos alimentarios.

Ao tempo que se capacita ás persoas desempregadas para desenvolver a súa actividade nun sector e auxe, neste sentido cabe recordar que o sector da agricultura ecolóxica leva décadas en constante crecemento, así en contraposición co retroceso da meirande parte dos sectores produtivos, a agricultura ecolóxica incrementou a súa facturación nun 28% na Galiza.

De todos é coñecido que Galiza en xeral, e a bisbarra coruñesa en particular, ten unha enorme riqueza natural infrautilizada, son miles e miles as hectáreas de terra fértil acta para agricultura sen explotar, algo inconcibíbel cando son miles e miles os galegos e galegas que pasan graves dificultades económicas e necesitan da beneficencia para poder alimentarse.

Cabe subliñar que a agricultura ecolóxica utiliza técnicas sustentábeis e menos dependentes do petróleo, con ausencia total de pesticidas, plagicidas e agroquímicos, o que permite ofertar produtos diferenciados de maior calidade, sans e respectuosos co medio ambiente, ademais de avanzares na soberanía alimentar ao evitar a dependencia das grandes multinacionais agroquímicas.

Terceira pregunta oral: Como valora o goberno municipal a situación na que se atopa a Fábrica de Armas?

Atopámonos nuns intres aos que ningún membro da corporación, ningún coruñés, quixera ater chegado. Nestes momentos xa non existe Fábrica de Armas, tan so quedan unhas instalación con material defendidas por preto de 70 aguerridos traballadores que están a loitar polo mantemento dos seus postos de traballo e pola actividade industrial da bisbarra.

Recoñecemos o esforzo desenvolvido polo goberno municipal para evitar o peche da Fábrica de Armas e articular unha solución de futuro para unhas infraestruturas industriais emblemáticas na nosa cidade. Máis tamén somos conscientes que nesta loita non contou co apoio nin da Xunta nin do goberno central. Os primeiros desentendéronse do problema, os segundos tomaron partida descarada pola multinacional ianqui.

Sería moi fácil argumentar que a máxima responsabilidade é do PP que en épocas de Aznar a privatizou, vendéndoa a General Dynamics a prezo de ganga, e centrar o discurso nos erros cometidos polo seu partido. Mais non se trata agora de botar culpas, dende o principio do conflito Esquerda Unida renunciou a utilizar este drama económico-social como arma política, optamos, como membros activos da corporación, a dar apoio incondicional ao goberno municipal para que utilizase todos os mecanismos que tivese ao seu alcance na resolución do problema.

Con todo o tempo pasa e as solucións reais non chegan, por moito que o alcalde anunciase o pasado 5 de xullo una alternativa liderada por IFFE para garantir a “vocación industrial” e a “innovación” na Fábrica de Armas. Un anuncio que non deixa de ser unha mera mensaxe publicitaria carente de contido efectivo, para chegar a esta conclusión basta con analizar o expresado polo propio presidente do IFFE quen afirma que falta por definir que papel teñen que desenvolver e que lles pediron que foran o botar unha man. Significativo é o que o opina o presidente da proposta anunciada, literalmente dixo: “El alcalde dixo iso pero á a súa nova”.

Asemade o goberno municipal falta de traballo conxunto coa Xunta de Galicia, mais o vicepresidente da Xunta lonxe de amosar esa complicidade que insinúao  goberno local, indicou “o primeiro é ver si se trata dun proxecto viable con garantías de futuro”, é dicir que a Xunta non coñecen o que está a traballar o Concello. En on falemos da pasividade do presidente da Xunta que nin tan sequera fala do asunto, nin moito menos saíu publicamente en defensa da infraestrutura industrial nin dos traballadores nunha mostra de covardía e escapismo político sen precedentes. En on nos esquecemos que unha palabra súa ao principio sería suficiente para desatascar o conflito, igual que a súa implicación efectiva nestes momentos facilitarían enormemente unha solución.

Creo que Esquerda Unida, ao igual que o resto de coruñeses e coruñesas, merecemos unha explicación sincera da situación, basta xa de anuncios baleiros de contido, de fuxidas cara diante, porque se está a xogar co futuro dos traballadores.

 

Repito, dende o primeiro momento tivemos unha actitude leal e de apoio as xestións do goberno municipal, mais o tempo pasa e non recibimos información, coido que merecemos unha resposta real e contundente en sede plenaria. Espero que aquí e agora o goberno municipal conteste con claridade e rotundidade.

Relacionados