Cun discurso falaz e propagandístico téntase dinamitar os proxectos e avances do anterior mandato, algúns cun marcado carimbo de Esquerda Unida.
Os retrocesos e invisibilidade na política de igualdade a prol da muller, a parálise en materia cultural, a caída os infernos da participación cidadá, os repartos clientelares e obscurantistas das axudas para as entidades sociais, os axustes que caen no lombo da feble solidariedade, un urbanismo atento a darlle voltas e perder máis cartos na Praza de España namentras se deixa caer a casa de Carvalho Calero, a perda das axudas en materia de normalización lingüística e os coqueteos con Galiza Bilingüe, a erosión do ensino público coa entrega de cartos á escola privada para as bolsas de comedor escolar… en resumo un desfacer de proxectos e un recorte de prestacións que van contra os intereses da mairía da cidadanía de Ferrol, salienta nun repaso sucinto Yolanda Díaz, Voceira do Grupo Municipal de EU.
Un breve repaso polas actuacións prioritarias do Goberno e polas súas inaccións e silencios deixa en evidencia o carácter negativo desta actuación:
– Na área de muller vimos de coñecer que non acometerán a ampliación da Casa de Acollida, circunstancia que se suma á perda absoluta do perfil diferenciado das políticas a prol da igualdade e incluso a entrega de cartos a entidades que labouran contra os dereitos das mulleres, caso da Rede Madre.
– A Participación Cidadá xa perdeu unha comisión informativa propia e os xestos do Goberno indican o nulo compromiso co estabelecemento dos mecanismos de participación aprobados no anterior mandato sexa o Novo Regulamento de Participación, sexa unha versión descafeinada dos orzamentos participativos: ambas cuestións semellan incompatibles coa forma de gobernar da dereita política.
– Forma de gobernar que ten unha expresión paradigmática nos criterios ( ocultos e ideolóxicos ) para proceder o reparto das subvencións de Benestar. Onte no Pleno quedou en evidencia que ese reparto serve a un xeito de facer política clientelar, que se fixa na cor das directivas e entidades e non nos proxectos ou o seu impacto social na cidade.
– A arte da mentira política para xustificar recortes que desfán proxectos e servizos que necesita a cidadanía: os plans de accesibilidade, o recortes en materia de educación e benestar ou a imprecisión no caso das débedas serven ao PP para recortar dereitos e maniatar o quefacer do tecido asociativo crítico e alternativo.
– Un urbanismo vello, que decide enterrar maís cartos na praza de España, outros 700.000 euros en troques de deixar caer a casa do profesor Ricardo Carvalho Calero.
– Un desleixo certo no eido da lingua e cultura do noso país: a desatención ao equipamento cultural para Ferrol Vello e a cidade que suporía a casa de Carvalho Calero á calada por resposta do Goberno diante da perda das axudas anuais da Xunta de Galicia para pular pola normalización do galego.
– Unha educación que deixa a un centenar de nenas e nenos sen praza nunha escola infantil pública e que desvía cartos públicos, eses que son tan necesarios e escasos, para adicalos a privada baixo a fórmula das bolsas de comedor. O compromiso enunciado para realizar a escola de Esteiro seguirémolo con rigurosidade dados os antecedentes.
– Unha cultura paralisada, sen criterios que entreguen coherencia e planificación ás actividades e despoxada do asesor cultural: o aforro minúsculo que elimina a Ferrol do mapa cultural galego. Matan o proxecto de reforma do Centro Torrente.
– Un PP que na súa primeira medida económica de alcance elimina dun plumazo a cantidade disposta no orzamento para construír o local social de Canido, a ampliación da Casa de Acollida, as partidas comprometidas para a millora da accesibilidade, ou parte da partida para mantemento de edificios, entre elas e de maneira senlleira afecta a Recimil.
– O golpe sobre as dotacións previstas para Zona Rural, que supón deixar o descuberto o interese do PP polas parroquias: tendente a cero.
Se destrúe e se recorta só cando van cen días. Esquerda Unida urxe ao Goberno Municipal a cambiar a deriva de imposición por outra que asuma como propios os proxectos de cidade herdados e unha defensa prioritaria do tecido asociativo da cidade, para que reciba as axudas en atención a calidade dos proxectos e das intervencións, non da presunta cor política da entidade.