Valoración manifa do 30 de xullo.

 

Esquerda Unida saúda que, tal e como estábamos a demandar, se acadara unidade sindical para facer fronte ás agresións sociais. A defensa do público segue a ser un motivo de loita fronte ás políticas neoliberais e devastadoras que Feijoo en Galicia e Rajoy no estado están a impoñer sen ningún tipo de miramento. A unidade dos e das traballadoras é fundamental para facer escoitar que non queremos estas políticas antisociais.

Para a executiva nacional de Esquerda Unida o éxito das mobilizacións na defensa dos servizos públicos evidencian o amplo rexeitamento social das políticas de desmantelamento do estado do benestar que está por parte do PP, consecuencia directa do sistema e das políticas dos mercados, que o Partido Popular aproveita para desmantelar a dignidade dos traballadores. Por iso é necesaria a unión, a acción e a rebelión dende os colectivos comprometidos cos dereitos conquistados pola clase traballadora.

Para a coordinadora nacional de EU, Yolanda Díaz, “este goberno antisocial co gallo da crise, mantén o recorte continuo en sanidade, educación, dependencia, xustiza, persoas en paro, pensionistas, traballadores… en definitiva están a recortar a propia democracia”.

Por iso Esquerda Unida seguirá apoiando as mobilizacións, achegando compromiso e loita para reconquistar os dereitos que estamos a perder e manter os que aínda non nos arrebataron, porque é necesario pelexar polo que é noso. Porque queremos que todos estes recortes e amputacións do goberno do PP pasen por un referendo onde sexamos nós os que decidamos o noso futuro, porque non queremos máis desta Europa de mercaderes. Continuamos coa loita para levar a cabo unha Rebelión democrática.

 

Relacionados