Valoración mobilización Navantia

 

As máis de catro mil persoas asistentes expresan a urxencia, importancia e determinación da clase traballadora para defender os postos de traballo e o futuro social da terra onde viven. O PP non pode adíar máis dar unha resposta positiva á demanda inmediata de construción do dique flotante e as esixencias mediatas para acadar novos encargos  aos estaleiros.

 

Esquerda Unida reclama que se tomen decisións operativas neste mesmo mes, comprometéndose a incluír a partida orzamentaria para a construción do dique flotante no orzamento deste exercicio, coa colaboración económica da Xunta de Galicia. O Grupo Parlamentar terá nesta liña de traballo un eixo prioritario, determinante no vindeiro traballo de elaboración do orzamento de marzo. Xunto ao dique hai que desenvolver un plan de traballo que capte nova carga de traballo e lle de estabilidade ao emprego nos estaleiros. Estes obxectivos son xa liñas vermellas que van determinar a posición que EU teña no vindeiro debate orzamentario de marzo.

 

Lamentamos que a alcaldía da nosa cidade non estivera presente nunha mobilización central para os intereses da nosa cidadanía e comarca. O interese de verdade, alén das verbas propagandísticas de fume e papel,  e o compromiso coas demandas de plantilla se amosan nas rúas da man das persoas que loitando polo seu posto de traballo loitan polo futuro da nosa comarca. O alcalde resta obediente co PP e defrauda o conxunto da nosa cidadanía, que lle reclama defender os intereses xerais da nosa cidadanía.

 

Ferrolterra precisa coñecer que vai facer o Goberno do Estado para salvagardar o emprego e o futuro da cidade e comarca cando non cesan os despedimentos e se esgota o traballo nas gradas do estaleiro. Coidamos necesario acadar neste mes o compromiso firme do Goberno do Estado para a inclusión do investimento produtivo do dique flotante nos orzamentos deste ano. Coidamos necesario que se elabore o plan de traballo que sirva para acadar novos encargos que entreguen continuidade e estabilidade a unhas instalacións fabrís, os estaleiros, que en mans do traballo que realizan de cote aos traballadores crean emprego e riqueza social. Coidamos necesario formular a situación de excepcionalidade social para levantar xa o veto á construción civil pública no antigo Astano.

 

O Grupo Parlamentar de Esquerda Unida reclamará na vindeira  Comisión de Industria, Enerxía e Turismo do Congreso dos Deputados un compromiso cos investimentos produtivos do estaleiro, en concreto coa construción do dique flotante, ao presidente da SEPI, que vai comparecer a petición deste Grupo político. Sen o dique flotante e o traballo e xestións para acadar nova carga de traballo estamos certos que imos a unha destrución masiva de emprego, imos o desastre social en Ferrolterra. Sinalar que estamos certos que a clase traballadora e as organizacións políticas e sindicais de clase que formamos parte desa clase non imos permitir semellante escenario de ruína.

Relacionados