Valoración orzamentos da Xunta

O coordinador local de EU, Suso Basterrechea, considera que os Orzamentos da Xunta son os do desemprego e da miseria para Ferrol:

O recorte nos incentivos para a promoción do emprego, indicativo de que o goberno tira a toalla e deixa que en mans da autorregulación do mercado laboral a  recuperación do emprego, en definitiva, unha renuncia ao estímulo económico que permita subsanar a taxa do 34% do paro de Ferrolterra.

A ridícula cantidade asignada ao dique flotante de cinco millóns de euros, unha infraestrutura de 120 millóns de urxente necesidade para evitar o colapso do naval, revela o nulo interese en promover a súa construción.

O gasto por habitante, un dos máis baixos da comunidade, poñen de manifesto que o 2014 será outro ano de destrución do tecido social e industrial da comarca. Ferrol afundido e o goberno mirando para outro lado, para a austeridade, a destrución de emprego, o aumento de impostos sen progresividade e o conseguinte descenso do consumo, empeñado en fórmulas que quedou demostrado que non serven máis que para favorecer ás grandes fortunas

A partida da que tanto se vanagloria o alcalde do urbanismo e non da cidadanía, a que vai para o saneamento, un saneamento que naceu obsoleto, sen separación de augas pluviais e residuais, e que, por unha planificación desastrosa, non vai solucionar o saneamento integral da ría, está encauzada á privatización do mesmo e incrementará de seguro o custo da factura de cada veciño. Como quedou dito polo movemento asociativo, saneamento si, pero non así.

Por outra banda, resulta un paradoxo que a partida máis importante de Sanidade, contraste co gravamen que impón a Xunta a todos sen distinción: o repago farmacéutico hospitalario, as listas de espera inasumibles ou a buscada degradación da sanidade pública para privatizar e externalizar un piar do estado do benestar. E o Plan Director, unha reivindicación histórica da Plataforma en defensa da Sanidade Pública, chega tarde e mal, infradotada e con moitísimo retraso, que suporá a non consecución dos obxectivos que se marca.

Suso Basterrechea afirma que estes orzamentos non só non van a mellorar as condicións sociolaborais dos ferroláns, senón que continuarán encarecendo o custo da vida, con subas impositivas regresivas, como a taxa sobre hidrocarburos, que sumadas a febre impositiva do concelleiro Langtry no IBI ou na taxa de saneamento, suporán un esforzo máis aos que menos ingresos teñen, mentres os impostos que pagan os que máis ingresan permanecen conxelados.

Estes nunca serían os orzamentos de Esquerda Unida, uns orzamentos despois dun ano en que o repago se instalou en todos os ámbitos do público, educación, sanidade, xustiza, dependencia,… despois dun 2013 no que o desemprego aumentou nada menos que en dez puntos en Ferrolterra respecto ao 2012, e uns orzamentos redactados en clave de recorte cando serían necesarios uns orzamentos en clave de estímulo económico, cando cómpre  un forte investimento público capaz de rexenerar o tecido industrial e produtivo que derivase en creación de emprego de calidade, e non emprego precario ao que nos vemos condenados na deriva neoliberal do capitalismo dogmático do Partido Popular, coa reforma laboral como arma de destrución masiva da clase obreira, do sindicalismo de clase e que propugna un novo modelo de emprego, de despido fácil e soldos precarios.

Relacionados