Con este plan de axuste o PP hipoteca o futuro dos composteláns e compostelás para os vindeiros 10 anos, cunha suba de impostos, especialmente do IBI, taxas e prezos públicos, de ata un 16%, dificultando aínda máis a xa complicada situación da cidadanía de Santiago.
Outras medidas na área de ingresos son potenciar a inspección tributaria e reforzar a eficacia da recadación firmando convenios de colaboración co Estado ou coas Comunidades Autónomas. Todas estas medidas aumentarán a presión fiscal sobre os contribuíntes, que nos próximos anos terán que pagar ata 8 millóns de euros máis.
Na área de gastos os prexudicados son os empregados do Concello, véndose recortadas as partidas do persoal até polo menos o 2022. Eliminaranse postos de traballo e non se sacarán a convocatoria o 50% das prazas dos funcionarios xubilados. Ademais os empregados municipais sufrirán tamén recortes en áreas coma acción social, formación ou produtividade.
O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela non comparte este plan de axuste aprobado polo Partido Popular no que todas as medidas recaen sobre a veciñanza e sobre os funcionarios.
Solicitamos que o goberno sexa transparente na súa xestión, que se acheguen os datos da situación económica real do noso Concello e da súa xestión durante o ano 2011. A estas alturas aínda non sabemos a que se deben e que data teñen estas facturas impagadas cos provedores. Protestamos contra este escurantismo que está a ser sinal de identidade do actual goberno.
Dende Esquerda Unida Compostela estamos seguros de que se podían buscar outras solucións que evitaran o recurso fácil da suba de impostos que rematan pagando sempre os mesmos. Botamos de menos que a actual administración non realizara un esforzo para que os recursos para pagar a débeda sairán doutras áreas. Podíanse recortar e axustar outro tipo de gastos menos necesarios que os de persoal, como por exemplo reducindo cargos de confianza política, recortando subvencións ou renegociando contratos en vigor. Nembargantes decidiuse que foran os empregados públicos e os petos dos veciños/as de Santiago, onde moitas familias teñen severas dificultades para chegar a finais de mes, os que soportarán as débedas do Concello.