Valoración Pleno de novembro

 

Resultado refrendado nas recentes elecións xerais nas que Esquerda Unida – Os Verdes acadou máis do 5% de apoios.

Nesta ocasión cabe destacar que o Pleno comezou con retraso, e cando comezou non foi presidido polo actual alcalde, posto que chegou con máis retraso todavía, sendo a explicación máis plausible, aínda que non confirmada, que se esquecera do cambio de horario do Pleno das seis da tarde ás cinco e media.

No tocante ao transcurso do Pleno comezou con consenso unánime nos primeiros puntos da orde do día, sen maior debate que ratificar o posicionamento a favor dos distintos grupos municipais en temas protocolarios de actas, modificacións urbanísticas no SUP5 e desestimación de recursos de reposición.

O máis relevante do que aconteceu no resto do Pleno foi en primeiro lugar o debate da proposición do PSdG sobre a creación da comisión municipal de absentismo escolar, sendo desestimada cos votos en contra do PP, a abstención do BNG e a favor do PSdG.

Dende EU Compostela consideramos que o decrecemento que se está obter no tema do absentismo é, sobretodo, grazas a vontade do profesorado, e en relación a proposta do PSdG cremos que, existindo órganos educativos xa creados, coma o Consello Municipal de Educación, sería preciso canalizar desde este Consello os traballos de seguemento sobre o tema do absentismo e sobre outros relacionados co ensino público. Diríamos que é preferible dinamizar e poñer a funcionar ben o xa existente que crear novas estruturas.

O punto que máis controversia suscitou foi a proposta do PSdG sobre celebrar vodas civís os sábados pola tarde, proposta que contaba co apoio do BNG, pero que foi desestimada cos votos en contra do PP.

Sobre este punto dende EU Compostela queremos reflictir que no debate realizado o PP recorreu á demagoxia ao utilizar o argumento de non ter cartos para pagar as horas extras, mencionando expresamente a unha traballadora alí presente para cimentar o seu argumento, obviamente acusando ao anterior equipo de goberno de deixar o orzamento para horas extras totalmente esgotado. Concluíndo a súa argumentación coa pueril escusa de que se realizaban vodas un sábado pola tarde tamén habería que abrir o rexistro por se alguén quería consultar planos…

Dende EU Compostela consideramos que, dado a vida laboral da maioría da veciñanza, o sábado pola tarde é unha data concorrida para poder levar a cabo o casamento, e posto que unha labor do Concello debe ser prestar un servizo que a cidadanía reclama, consideramos que como mínimo o sábado pola tarde debería darse este servizo, excluíndo se non é posible domingos e festivos, por suposto, acorde á capacidade económica de cada parella, facer unha progresividade nas taxas a pagar.

O punto que espertou máis coincidencias, aprobado por unanimidade, foi a proposta de derrubo da Casa da Xuventude, que EU Compostela tamén apoia, sempre que antes deste derrubo todos os servizos que alí se prestaban teñan outra ubicación operativa, que, segundo verbas do alcalde, parece estar entre dous emprazamentos preto do Campus Sur. Dende o Consello Comarcal de EU Compostela tamén queremos remarcar que unha mellor planificación das actuacións urbanísticas por parte do Concello evitaría recorrer a este tipo de medidas.

Onde EU Compostela se mostra totalmente contraria a decisión tomada polo Pleno do Concello, cos votos a favor do PSdG e PP e a abstención do BNG, é coa petición que o Concello de Santiago fará a Xunta de Galicia para que no 2014 se retome a construción dos edificios da CdC que aínda quedan por construír. A postura de EU Compostela é que NON se debe proseguir coa edificación de ningún edificio máis. O xa existente debe servir para aforrar gastos en dispersión administrativa. Remarcamos que a cultura non debe estar enlousada en grandes mausoleos e si na rúa ou en pequenos espazos achegados á cidadanía, polo que a argumentación do BNG de planificación cultural da CdC, mencionando unha pinacoteta, parécenos unha mera excusa para xustificar o desbaldimento de recursos que supón a Cidade da Cultura e tamén para non se posicionar sobre este aspecto. Pensar en rematar o mausoleo, precisamente cando lles escoitamos de forma permanente que non hai diñeiro e que hai que recurtar, cando apretan o cinto da cidadanía con políticas de axuste, seméllanos unha enorme aberración insistir no remate dos edificios que restan. Estase xustificando o inxustificable. A CdC, xa desbalde recursos inxentes, pero, de rematarse, esta partida sería cáseque letal para os axentes da cultura de base que ollan como os seus proxectos esmorecen por falla de recursos…precisamente por parte das administracións públicas…que prefiren xogar a seren “deuses” no cumio do desbaldimento a seren xustos e redistribuir o “pouco” que din ter de forma equitativa. Fronte a unha CdC cabe antes a recuperación dos espazos culturais propios da cidade: Sala Yago, Sala Nasa, etc.

O Pleno concluíu con temas menores sen maior relevancia que seguir a orde do día marcada.

Relacionados