compostela.gif - 5.83 Kb

Valoración Pleno decembro

 

Nesta ocasión cabe destacar que o Pleno comezou coa novidade, grazas a este goberno que se farta de pregoar a súa austeridade, dun gasto de 8.000 euros en sendos retratos dos xefes do Estado.

 

O Pleno comezou, como en outras ocasións, coa protocolaria aprobación dos primeiros puntos da orde do día sen maior debate que ratificar por asentimento a unanimidade nestes puntos.

 

Foi a partir do terceiro punto da orde do día onde se empezou a producir o debate entre as distintas organizacións políticas. Este punto era sobre a ordenanza reguladora da publicidade e rotulación, finalmente aprobada cos votos a favor do PP e en contra do PSdG e o BNG.

 

No debate, profundamente técnico no tocante a multitudes de normas ou leis nomeadas para a defensa das distintas posicións, quedou constancia da premura coa que foi presentada esta ordenanza, que impediu facer achegas, facendo necesario que a representante do PP se vira no obriga de recoñecer que non é unha ordenanza pechada.

 

EU Compostela quere recalcar, no tocante a este punto, que de ningunha maneira se apoiaría unha norma liberalizadora da publicidade que permitira o uso abusivo de certos soportes publicitarios como, por exemplo, os luminosos que dende o Consello Comarcal de EU Compostela consideramos que só se deberían utilizar en edificios públicos, tales como hospitais ou centros de saúde, que axuden visibilizar a súa ubicación pero que consideramos un dispendio inútil de enerxía se se utilizan, entre outros usos, para facer rechamantes fachadas de centros comerciais.

 

Tamén queremos recalcar que neste punto coincidimos coa postura do BNG, que remarcou que no caso de levar a cabo esta ordenanza sería o lóxico que as multas polo seu incumprimento foran o suficientemente altas como para no ser rentable imcumprir dita ordenanza, tendo como respostas un asentimento pola representante do PP a micrófono pechado.

 

Por último dende o Consello Comarcal de EU Compostela queremos mostrar que no relativo a rotulación no Casco Histórico, coincidimos por unha vez coa postura mostrada co alcalde Conde Roa, ratificando a necesidade de regular o tipo de letreiros que nesta parte da cidade, e evitar tal como expuxo o Alcalde rotulacións tan inapropiadas como a dunha franquicia de pizzas na rúa das Orfas.

 

Proseguiu o Pleno cunha proposición do PP para crear unha comisión de estudo de accesibilidade, aprobada por unanimidade. Por suposto EU Compostela está totalmente a favor desta comisión, sempre que sexa eficaz e efectiva e non un mero fogo de artificio retórico. Normas sobre accesibilidade universal, hainas, só hai que aplicalas conforme a unha planificación real, por iso, consideramos imprescindible que este estudo se articule en torno a un Plan Local para a Inclusión Social. Para avanzarmos neste eido e termos un Concello Inclusivo, é preciso que as decisións a este respecto se tomen contando coa participación dos diferentes axentes sociais implicados no proceso da accesibilidade universal, tal como propoñía Esquerda Unida no seu programa político das municipais 2010.

 

Por iso, agardamos que o posicionamento do PP sexa real e que esta comisión sexa aberta á participación, sobretodo, das entidades que traballan por e para as persoas con mobilidade reducida, e que a redacción do proxecto de cidade accesible, finalidade de tal comisión, sexa froito dunha elaboración conxunta e sometida ao necesario de debate.

 

No tocante a este punto EU Compostela quere remarcar o seu claro posicionamento por unha cidade accesible demostrado nas distintas mocións presentadas como, por exemplo, a que se rexistrou o pasado 25 de abril de 2011 na que se pedía a correcta sinalización e coas dimensións pertinentes das prazas de aparcamento para persoas con discapacidade na vía pública ou a moción rexistrada o pasado 12 de novembro de 2010 na que se esixía a adecuación das beirarrúas nos pasos de peóns ás persoas con mobilidade reducida.

 

O seguinte punto da orde do día foi unha proposición do PSdG sobre a actividade turística que foi desestimada cos votos en contra do PP, a favor do PSdG e a abstención do BNG.

 

Sobre o debate deste punto o Consello Comarcal de EU Compostela critica a actitude belixerante mostrada pola representante do PP, Reyes Leis, que sen ningunha motivación, pois os demais grupos municipais defenderon a súa posición sen recurrir a violencia verbal mostrada por esta concelleira, provocou certa crispación no Pleno que “curiosamente” rematou cunha chamada de atención ao representante do PSOE, Bugallo, que contestou airadamente, e até certo punto comprensiblemente, a unha recriminación por parte da representante do PP que non tiña por que se ter producido.

 

Sobre os argumentos escoitados o Consello Comarcal de EU Compostela preocúpase de que ningún dos grupos municipais expuxo medidas para un turismo alternativo ao xa existente centrándose case por completo o debate no aeroporto da cidade e na súa centralidade, é dicir, o perpetuo debate de sempre que nin PP, PSdG e BNG queren solucionar dende o Parlamento de Galicia, fomentando os nefastos localismos entre Coruña, Vigo e Santiago.

 

Proseguiu o transcorrer do Pleno coa proposición do BNG de instar a Fomento abaratar as tarifas do AVANT, que foi aprobada por unanimidade despois de aceptar o BNG as modificacións propostas polo PP, como que a quen se debe instar a abaratar as tarifas do AVANT é a RENFE e non a Fomento.

 

Como xa é habitual o grupos políticos centraron o debate nas sempiternas críticas entre partidos polos retrasos neste dispendio que supón o AVE, mantendo dende EU Compostela o posicionamento, ratificado unha e outra vez publicamente, na defensa, fomento e habilitación do tren de proximidade ou o de media distancia para vertebrar e cohesionar o territorio tanto a nivel comarcal como autonómico.

 

Por puro protocolo cumpriuse o trámite de dar conta de distintos informes, resolucións… sen maior debate que mencionar en voz alto o exposto na orde do día.

 

O decimosegundo punto da orde do día foi a comparecencia de Reyes Leis para definir con claridade o posicionamento do actual equipo de goberno do PP sobre a feira de gando de Amio.

 

A priori EU Compostela valora positivamente a actitude mostrada polo PP de manter as negociacións cos gandeiros e tratantes para que a feira de gando se quede na cidade. Dende o Consello Comarcal de EU Compostela queremos manifestar que se a feira se mantén por agora en Santiago é pola mobilización e traballo realizado pola plataforma cidadá en defensa do mercado de Amio, da que Esquerda Unida forma parte. EU Compostela proseguirá seu traballo para que o cambio mostrado sexa real e se evita a maxadería que supuña a ocorrencia do señor Rueda acatada polo señor Conde Roa.

 

O Pleno concluíu cun rogo e 3 mocións. O rogo foi do BNG sobre o uso do galego e tamén unha das mocións, que versaba sobre a tarxeta sanitaria, similar a presentada por Esquerda Unida o 2 de decembro, que foi rexeitada polos votos do PP.

 

Tamén foi rexeitada cos votos do PP a moción do PSdG para instar a cubrir o antes posible as prazas dos profesores de baixa, e unicamente se aprobou cos votos do PP e PSdG , e a abstención do BNG, a moción para intentar acoller un cumio da UE.

Relacionados