compostela.gif - 5.83 Kb

Valoración Pleno maio

 

O Pleno comezou, como en todas as ocasións, coa protocolaria aprobación de dúas actas, e coa unión dos puntos da orde do día dende o 3 ata o 9 sobre cuestións urbanísticas que foron aprobadas sen apenas debate, máis aló de pequenas cuestións técnicas.

 

Foi o punto 10 da orde do día o que suscitou maior debate en todo o Pleno, pero antes de facer o noso posicionamento, dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela queremos recalcar unha vez a imperiosa necesidade de levar a cabo a nosa proposta de Democracia Participativa.

 

Esta mención á necesidade de facilitar canles de participación da cidadanía fíxose patente onte cando durante o Pleno varias persoas interrumpiron o uso da palabra, para manifestar o seu malestar pola ordenanza de ocupación de vía pública, na que entre outras medidas se quere levar a cabo o cobro por mesas informativas.

 

Dende o Consello Comarcal de EU Compostela entendemos a medida tomada polo alcalde de desaloxar a estas persoas do Pleno, acatada por todos os grupos políticos sen maiores esixencias que aclarar certa cuestión protocolaria, pois o regulamento do Pleno permite, unha vez feitas certas cuestións previas, que sexa factible intervir ó comezo do Pleno brevemente para expoñer algunha cuestión, mais estas persoas non fixeron a petición formal en tempo en forma para poder falar.

 

Por suposto EU Compostela, tal e como reflicte en todos os seus documentos políticos e programáticos, considera vital que o Pleno se converta en algo máis que simple debate entre partidos políticos que conseguiron lexitimamente a súa representación, por iso defendemos a necesaria participación da cidadanía organizada en plataformas, asociacións, ONGs… na vida institucional do Concello, tanto no debate de medidas como na faceta propositiva desas medidas que poidan mellorar a cidade, mais o que non podemos apoiar e que cando alguén así o considere oportuno poida elevar a súa voz para gritar a defensa de certos aspectos.

 

Por todo isto Esquerda Unida Compostela seguirá manifestando e propoñendo que se faga efectivo o regulamento que dea cabida, por fin, á participación real da cidadanía a través dos diferentes mecanismos da Democracia Participativa.

 

No estrictamente ocorrido no debate deste punto da orde do día, desde o Consello Comarcal de EU Compostela non compartimos a abstención do PSdeG, pois, por moito que se defenda que nas alegacións se poderán modificar os puntos polémicos desta ordenanza, o noso posicionamento, aínda compartindo moitos dos puntos expostos, coma o cobro a caixeiros automáticos, sería totalmente contrario á aprobación inicial desta ordenanza, pois para nós é inadmisible cobrar por mesas informativas.

 

Tanto o punto 11 como o 12 do da orde do día foron tamén protocolarios e se aprobaron sen apenas debate.

 

Unha vez máis un punto da orde do día, neste caso o número 13, valeu para, sen chegar ó nivel inadmisible doutras ocasións, o PSdeG e o PP perderan o tempo en debates estériles sobre cifras e acusacións de e ti máis e ti peor, dito punto, unha proposta sobre o comercio da cidade presentada polo PSdeG foi rexeitada grazas ós votos do PP.

 

No punto décimo cuarto da orde do día volveuse a escenificar, unha vez máis, a lamentable actitude do PP, pois o BNG presentou unha proposta para a conmemoración, no 2015, do 30 aniversario da declaración de Santiago como cidade cultural Patrimonio da Humanidade, e a principal, por non dicir única, razón pola que o PP non a apoiou foi que cando eles presentaran para conmemorar o 25 aniversario o PSdeG e o BNG non a apoiaran, é dicir, unha vez máis, sen disimulos, o PP certifica que moitas medidas se fan como un certo tipo de axuste de contas de lexislaturas pasadas. Por suposto consideramos que o bipartito tivo moitos erros, pero non se pode escudar niso o alcalde para cometer o que son simples “actos de vinganza”.

 

Dende o Consello Comarcal de EU Compostela non teríamos inconvinte en apoiar estas propostas, se realmente significasen un fomento do turismo, sobre todo o de baixa intensidade, pero de calidade, máis aló da espectacularización de actos.

 

A proposta do Bloque, no punto 15, sobre incorporación laboral das persoas con risco de exclusión laboral, volveu resultar un debate estéril sobre datos e máis datos entre os tres grupos políticos, para rematar sendo rexeitada polos votos do PP. Por suposto o Consello Comarcal de EU Compostela apoiaría esta proposta, se realmente tivera medidas concretas e efectivas para levar a cabo, e non ser unha mera escusa para xustificar traballo organizativo nun Pleno.

 

O punto 16, unha proposta do BNG sobre a regularización das persoas empregadas do fogar foi aprobada por unanimidade tras unha modificación realizada polo PP.

 

O Pleno rematou, ademais de con varios puntos protocolarios de dar conta, con 3 rogos do BNG, dos que o PP so tomou en consideración o de poñer a unha rúa da cidade o nome de Valentín Paz Andrade, proseguindo cunha pregunta, tamén do BNG, sobre a taxa turística tendo por resposta que simplemente se estaba estudando, que non era unha medida para levar a cabo de inmediato, e por último o PP non apoiou a urxencia, polo tanto nin se debateron 3 mocións presentadas polo BNG e outras 3 presentadas polo PSdeG.

Relacionados