Valoración Pleno preferentes

En primeiro lugar xa foi lamentable a convocatoria deste Pleno nun martes laborable ás 9:30, o que xa deixaba entrever o pouco interese do Partido Popular por facer participe desta sesión plenaira ás persoas estafadas con preferentes en concreto e á cidadanía en xeral.

Pero se isto xa é lamentable, o que é inadmisible e denigrante é que o equipo de goberno do señor Currás se oculte, e faga este Pleno no Concello sabedor de que o aforo ía ser totalmente insuficiente.

Escusarse puerilmente en que se facilitou o seguimento desta sesión plenaria mediante un par de pantallas de televisión, demostra, en primeiro lugar o escaso valor que o Partido Popular da á participación da cidadanía na vida municipal do Concello.

Tamén demostra a covardía e ineptitude do Partido Popular, que se ve na obriga de esconderse e alonxarse da cidadanía posto que é incapaz de achar solucións aos problemas da maioría social, neste caso estafada e roubada por un sistema financeiro voraz e especulador.

Foi evidente que todas as persoas que non puideron entrar no Pleno, pese a que o regulamento permite levalo a cabo en lugares con maior aforo para que todo mundo puideran asistir, tomaron o esperpéntico despregue televisivo como un insulto aos seu dereitos, querían estar cara a cara co seu alcalde, non fronte a un televisor.

No tocante ao exposto no Pleno, unha vez máis, hai que lamentar que o PP recorre a ridícula táctica do “e ti máis e ti peor” pero sen ofrecer en ningún momento un atisbo de solución ás persoas que, non no Pleno, pero si non Concello escoitaron tanto a Maria Pardo como a Ángel Currás.

Por todo isto dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela esiximos ao Partido Popular unha rectificación na súa xestión, que claramente prexudica ás veciñas e veciños, e que por suposto non volva a ignorar e menosprezar ás persoas que reclaman os seus dereitos. O denigrante espectáculo ofrecido por Currás e o seu equipo de goberno coa convocatoria e desenvolvemento deste Pleno non podo volver ocorrer.

Por último reiterar o noso apoio ás persoas estafadas con preferentes e roubadas coa quita na súa xusta loita polos seu dereitos.

Relacionados