compostela.gif - 5.83 Kb

Valoración Pleno xaneiro

 

O Pleno comezou, como en todas as ocasións, coa protocolaria aprobación das actas anteriores, proseguindo de inmediato cun dos puntos que máis debate provocou no extenso Pleno de máis de catro horas.

 

Este segundo punto da orde do día era a aprobación inicial da ordenanza sobre as terrazas e quioscos de hostalería, sendo claro o posicionamento de Esquerda Unida a este respecto pois, en primeiro lugar, queremos salientar que en ningún caso os elementos fixos que se permitan para resgardar estas terrazas deben permanecer ocupando o espazo público unha vez rematado o horario establecido de terrazas.

 

Tamén, por obvio e que debe ser de obrigado cumprimento por lei, EU Compostela non tolerará que se faga un uso abusivo do espazo público, é dicir, a extensión das terrazas que se lle permita os hostaleiros en ningún caso debe mermar os dereitos da cidadanía ao paso polas beirarrúas da cidade.

 

Outro punto que o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela quere salientar, e que nin suscitou o debate, solventándose cunha mínima mención pola concelleira Pardo, é o punto referente o uso de calefactores nesta terrazas de inverno, pois dende EU consideramos que, de ser necesaria a súa instalación, o seu uso debe estar regulado en varios aspectos como por exemplo, a obrigatoriedade expresa de ser o menos contaminantes posibles e, por suposto, deben ser os máis eficaces e eficientes enerxeticamente.

 

No tocante aos quioscos de hostalería, nomeadamente o que parece ser que se quere poñer na Alameda, EU considera que son totalmente innecesarios e que a oferta en hostalería na cidade está máis que suficientemente cuberta.

 

Para rematar este punto da orde do día, dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela queremos expoñer que agardaremos a exposición pública desta ordenanza para ver a posibilidade de facer alegacións ou remarcar o noso posicionamento respecto a outros puntos desta ordenanza pois, como xa vén sendo habitual, o PP converteu o Pleno nun mero trámite pois non se aclararon de forma  clara aspectos moi importantes.

 

Remarcar que tanto o PSdG e BNG criticaron que esta ordenanza se levase adiante sen ningún tipo de debate e sendo un “corta e pega” da ordenanza de Madrid. A aprobación inicial desta ordenanza saíu adiante pola maioría do PP.

 

O Pleno proseguiu coa aprobación, cos votos a favor do PP e en contra do PSdG e BNG, da creación dun macro consello sectorial de familia, benestar social e igualdade, sendo a opinión do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela totalmente en contra desta reorganización orquestrada pola concelleira Prado.

En primeiro lugar manifestamos que as escusas da concelleira non se sustentan pois acredita que con estes cambios se gañará en operatividade e se garantirá a participación.

 

Dende Esquerda Unida Compostela criticamos que, coa visión de funcionamento que explicou a señora Prado, non só non se gañará en operatividade, senón que os temas se diluirán ou non serán tratados correctamente, pois este macro Consello estruturarase, á súa vez, en comisións sectoriais, que, de novo, poderán ter grupos de traballo, en definitiva, unha cadea estrutural que non contribúe a gañar operatividade. Ademais, a queixa da concelleira de que os consellos municipais non se reunían coa periodicidade desexada é un absurdo, xa que son eles, os que gobernan, os que teñen que velar por aplicar –ou no seu caso modificar- os regulamentos de funcionamento internos. Só abondaba con ter vontade política e desexos de facer dos consellos municipais espazos reais de paticipación, debate, reflexión e acción consensuada.  Polo que non procede lanzar balóns fóra e culpar ao anterior equipo de goberno por moi fundadas que sexan as críticas sobre o mal funcionamento dos consello municipais. Levan gobernando xa máis de medio ano e só escoitamos escusas peregrinas.

 

O que dende o Consello Comarcal de EU Compostela non nos xera a menor das dúbidas é a crítica que facemos a falta total, non só de participación, senón de mera consulta ás distintas asociacións ou colectivos sobre esta posibilidade, claro exemplo o que padecemos desde o Foro de Inmigración de Compostela, do que EU forma parte activa, pois o Consello Municipal das Migracións desaparecerá sen que, en ningún momento dende o Concello, se puxeran en contacto para comunicar unha decisión adoptada unilateralmente.

 

O cuarto punto da orde do día foi aprobación inicial da modificación da ordenanza da zona de residentes e da hora, aprobado cos votos a favor do PP, en contra do PSdG e a abstención do BNG.

 

Dende EU Compostela temos que manifestar, unha vez máis, a nosa crítica a falta de información real sobre esta medida, pois no debate acometido no Pleno non se aclararon debidamente as dúbidas que esperta esta modificación, pois, á espera dunha lectura cando se faga pública esta modificación, consideramos que pode provocar un efecto chamada para o uso do vehículo privado e que de ningunha maneira soluciona o problema do aparcamento na cidade, pois, unha vez máis, manifestamos que a única solución é a da redución drástica do uso do vehículo privado.

 

No tocante a modificación da ORA en lugares específicos da zona vella, recalcamos que so será efectiva se realmente se busca que os vehículos teñan que moverse da praza que ocupan e non quedarse simplemente en que deban acudir máis frecuentemente a introducir cartos para o resgardo. Trátase simplemente dunha medida recadatoria.

 

O seguinte punto da orde do día foi aprobado por unanimidade ao ser un mero trámite para cumprir coa lexislación sobre axuda no fogar, provocou, como é habitual en todos os debates entre o PSdG e PP, en argumentación tan relevante que se podería resumir pexorativamente no e ti máis e ti peor.

 

O sexto punto do orde do día aprobado polos votos a favor do PP, a abstención do PSdG e en contra do BNG, tratou sobre a decisión do equipo de aforrar cartos abandonando varias asociacións.

 

Dende EU Compostela non estamos de acordo, sobre todo co abandono da rede de cidades pola bicicleta –o que deixa ben claro o nulo interese do PP neste eido- e co abandono da rede de cidades saudables. De novo, coidamos que non cabe queixarse de malas condutas pasadas. Con sermos éticos na representación da nosa cidade á hora de acudir ás xuntanzas abondaría. Ou é que dubidan da súa propia ética e conduta?

 

A continuación aprobouse por unanimidade, tras unhas emendas do PP, unha proposición do PSdG sobre a estabilización de investigadores no CHUS. Ao Consello Comarcal de Esquerda Unida parécelle ben, pero este tipo de accións deben ser algo máis que fogos de artificio e procurar un interese real pola defensa do I+D+i.

 

O oitavo punto da orde do día foi a proposta do PSdG para utilizar a antiga terminal do aeroporto como recinto feiral. Por desgraza, no argumentario o máis salientable foi un comentario improcedente da concelleira Reyes Leis sobre a honorabilidade do ex ministro Blanco. Coidamos que deben ser os xulgados os que diten sentenza, e non é o Pleno de Santiago o espazo apropiado para este tipos de comentarios.

 

Dende EU Compostela queremos remarcar, como xa fixeramos na pregunta presentada sobre este tema, que calquera uso que se lle dea a estas instalacións debe ser dende unha perspectiva de utilidade pública. Tamén queremos ratificarnos na nosa crítica ao PSdG que, cando gobernou, non se lle ocorreu ter negociada unha utilidade para estas instalacións, pero seis días despois de que Esquerda Unida manifestara a necesidade de utilizar estas instalacións se acordaron delas.

 

O Pleno proseguiu coa proposta do BNG para axilizar o túnel de Conxo, pero curiosamente non saíu adiante porque o PP votou en contra, dado que utilizou o turno de palabra para facer unha defensa da ministra Ana Pastor e críticar ao ex ministro Blanco.

 

Sen entrar en valoracións das argumentacións escoitadas, cómpre destacar que os tres grupos municipais están a favor desta construción, que todo parece indicar que antes o despois se levará a cabo, sendo o posicionamento de EU, feito xa público, totalmente en contra de novas infraestruturas que provoquen o temido efecto chamada a máis tráfico privado, e que a solución pasa por un Plan Global de Mobilidade que consiga o drástico descenso do uso do vehículo privado.

 

O Pleno rematou co protocolario dar conta de varios aspectos, cun rogo do PSdG para que o pavillón de Fontiñas leve o nome de Alemao, e cunha moción do BNG sobre a suba do IBI que non pasou o trámite de urxencia polo que non puido ser votada nin debatida.

Relacionados