compostela.gif - 5.83 Kb

Valoración resultados electorais

 

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela desexa agradecer o todas as persoas que depositaron unha vez máis a súa confianza, a través do seu voto, na nosa organización certificando o constante crecemento de EU, que refrenda o rexistrado con anterioridade nas eleccións municipais de maio de 2011, onde, só unha lei electoral inxusta, co seu inxustificable solo do 5%, impediu a presenza da nosa organización no Concello de Santiago.


Pero o noso crecemento é xeral. Así, non só en Compostela se certifica que o referente anticapitalista de Esquerda Unida acada cada vez máis apoio, pois en Ames experimentouse un crecemento que chega ao 5,65 % para 861 votos; mentres que noutros concellos limítrofes coma Brión (preto dun 4 %) ou Teo (un 4,15 %) experimentamos tamén unha suba relevante que incentiva aínda máis o traballo da nosa organización a nivel comarcal.


En Galicia o salto do 1,37 % [25.308 votos] a un dinamizador 4,12 % [67.182 votos] significa non só motivación e ánimo para a nosa organización, senón que supón cotas históricas de confianza cidadá no proxecto de esquerda plural que EU desexa levar máis aló das institucións.


Transmitímoslle a todas as persoas que nos apoiaron que seguiremos traballando duro, que loitaremos sen repouso para denunciar toda vulneración de dereitos da clase traballadora. Todas e cada unha das persoas que nos votaron deben saber que os 11 deputados presentes en Madrid son os seus deputados e que levarán adiante canta demanda e reivindicación sexa preciso esixir desde a comarca de Compostela.


Damos a noraboa a todos os compañeiros e compañeiras que nos representarán, que exercerán a tarefa de denunciar as nefandas estratexias neoliberais que, de seguro, tentará poñer en marcha a maquinaria da dereita. Rematamos querendo remarcar que, cunha lei electoral xusta, no que unha persoa un voto sexa unha realidade, serían 25 representantes e non 11 os que loitarían pola mellora dos dereitos cidadáns e contra os seus inxustificables e inxustos recortes.

Relacionados